Luis Fernández Guitián


Categoría: Músico e escritor
Data de Nacemento: 29 de novembro de 1962
Lugar de Nacemento: Sober (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Opinión
 Currículum

Comeza os seus estudios musicais na Escola de Música de Sober en 1975 da man de Tadeo Guititan, José R. López e Heriberto Pérez. Posteriormente ingresa no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, onde obtén o título de Profesor de Clarinete e o diploma elemental de Oboe, tendo como mestres de Clarinete a Segismundo Fernández e Nicanor Domínguez. Despois fixo estudios superiores no Conservatorio de Vigo. Ó mesmo tempo que estudia música remata a carreira de Maxisterio da Escola Universitaria de Ourense. Fixo multitude de cursos de perfeccionamento musical, principalmente de clarinete e dirección con mestres como Juan Vercher, José Luis Estellés, Antonio Saiote, José Vicente Herrera, Miguel Groba ou J. Vicent Egea. Publicou multitude de artigos e reportaxes en xornais e revistas de forma especial dedicados á música de banda e compositores para banda; presentou relatorios en congresos, xornadas e simposios dedicados á música. Foi mestre do Conservatorio de Música de Ribadavia durante sete anos e alí creou e dirixiu a banda xuvenil de música. Tamén foi mestre durante catro cursos no Conservatorio Profesional de Música de Pontevedra, onde tamén dirixiu a banda do citado centro. Na actualidade é mestre de Clarinete no Conservatorio Profesional de Música de Ourense, clarinetista da Banda Municipal de Ourense e Director da Banda e da Escola de Música de Sober desde 1997 onde tamén creou a Banda Xuvenil de música. Levou a cabo multitude de iniciativas culturais en Sober, onde na actualidade é concelleiro de Cultura e tenente de alcalde. Cofundador da Feira do viño de Amandi (1981), creou a Feira da Rosca, os Encontros Musicais na Ribeira Sacra, o Baile á luz da lúa, etc. Baixo a súa dirección a banda de Sober gravou un CD no ano 2000 e gañou o Premio Luar á mellor traxectoria no ano 2002.

 Obras realizadas

En 2002 publicou unha antoloxía de poemas de amor Poemas a Laura, dedicado á súa muller.

 Outros datos de interese

É presidente da asociación micolóxica Pingadouro e membro activo de diversas asociacións. É correspondente en Sober do xornal El Progreso e da Axencia EFE. Foi vicepresidente da Federación Galega de bandas de música populares. Fixo multitude de arranxos, transcricións e adaptacións de pezas musicais para clarinete, banda de música e grupos de cámara. A súa principal afección é a literatura galega, preferentemente a poesía.