Estudou Latín - Humanidades e Filosofía no Seminario de Mondoñedo. Realizou os estudos de Teoloxía no Semanario Hispano de Madrid e na Universidade Pontificia de Salamanca. Iniciou os estudos de Socioloxía no Instituto León XIII de Madrid e continuounos na Universidade Católica de Lovaina (Bélxica) onde obtivo o grao de Licenciado en Socioloxía coa tese “Emigración y cambio social en Galicia”. Así mesmo, fixo os estudos de Ciencias da Educación na Universidade de Educación Nacional a Distancia (UNED), con licenciatura na devandita materia. Finalmente, rematou os cursos de doutoramento en Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, realizando varios traballos de investigación, aínda inéditos.
Nos anos 1967-68 foi profesor de relixión nun centro privado de ensino medio en Carabanchel Baixo (Madrid); e nesa zona organizou, xunto con outras persoas, un centro para a escolarización de nenos xitanos. De 1968 a 1972 viviu en Lovaina e Bruxelas (Bélxica), participando na organización de diversos servizos sociais para os emigrantes españois nas cidades de Liexa, Bruxelas e Londres. Ao regresar a España realizou durante dous anos algúns traballos de investigación xornalística no campo de Xibraltar (Cádiz). Retornado a Galicia, durante un ano traballou como sociólogo da Cáritas Rexional de Galicia, incorporándose a algúns importantes proxectos xa en marcha; e realizou algunhas investigacións puntuais para os programas de preescolar na casa, creación dunha rede de casas reitorais rehabilitadas para actividades infantís, planificación de garderías en barrios urbanos periféricos, asesoramento sobre montes veciñais en man común, etc. En diversos momentos publicou varios artigos nas revistas “Encrucillada” e “Xermolos”, xeralmente relacionados coa Galicia rural. Desde 1976 reside en Madrid onde creou unha empresa de xestión inmobiliaria, traballo que lle conduciu á observación directa e investigación no campo dos movementos veciñais urbanos. Simultaneamente realizou os cursos de doutoramento en Socioloxía na Universidade Complutense de Madrid, participando en varios traballos de investigación sobre o asociacionismo veciñal urbano. Recentemente publicou, como coautor, o libro “Tras las huellas de la cultura y del medio natural de Guitiriz”. Actualmente, xa xubilado, colabora con artigos no PROGRESO de Lugo e o suplemento A Chaira. Así mesmo está preparando a publicación dalgúns dos seus traballos de investigación sobre a Terra Cha de Lugo, a ordenación e urbanización do medio rural galego e a veciñanza urbana versus veciñanza rural.