Luciano Manuel Piñeiro Martínez


Pseudónimo:Chano Piñeiro
Categoría: Director de cine
Data de Nacemento: 12 de outubro de 1954 (†22 de marzo de 1995)
Lugar de Nacemento: Forcarei (Pontevedra)
 Currículum

Estudiou Farmacia en Santiago de Compostela, aínda que a súa afección foi o cine, interesándose xa desde neno pola fotografía. Tivo unha farmacia en Vigo pero deixouna para dedicarse ó cine para rodar curtametraxes como "Esperanza", "Camiño de estrelas", e, sobre todo "Mamasunción", onde se conta a historia da señora María Rosa, que cada día, ó longo de corenta anos, vai buscar unha carta que nunca chega.

 Obras realizadas

En 1977 escribiu "Os paxaros morren no aire", o seu primeiro guión cinematográfico, que sería premiado en varios certames. En Super-8 rodou "Eu, o tolo. "Sempre Xonxa" (1988), que foi a súa primeira longametraxe e a primeira do cine galego, foi rodada coa axuda da Xunta de Galicia e coa do entón vicepresidente da Xunta de Galicia Xosé Luis Barreiro que fora compañeiro seu de xogos. Como escritor publicou "Conversas co vento" (1994), unha recompilación dos seus artigos na prensa.

 Outros datos de interese

"Mamasunción" recibiu moitos premios dentro e fóra de Galicia e de España, converténdose nunha das curtametraxes básicas do cine galego. Foi a película escollida para inaugura-las emisións da Televisión de Galicia no ano 1985. "Sempre Xonxa" obtivo un grande éxito en Galicia e en festivais como Cannes, Montreal e a Habana. Conseguiu o Premio da Crítica de Galicia e o das Ciencias e as Artes da representación (1985). Tamén foi premio honorífico AGAPI (Asociación galega de productoras independentes) no ano 1986 e a título póstumo, foille concedida a Medalla de Galicia.