Desde moi cedo comezou a participar en numerosos programas infantís de TV, concursos e festivais musicais, resultando vencedora en varias ocasións. Paralelamente á súa actividade artística, Lucía Pérez estudou solfexo e guitarra clásica en Lugo e Oviedo, cursando na actualidade o último ano de Pedagoxía, despois de ter rematada a carreira de Maxisterio musical.
Con apenas 17 anos, gana o concurso da Televisión de Galicia, “Canteira de cantareiros”, e é entón cando leva a cabo a gravación do seu primeiro disco “Amores y amores”, publicado en 2003, y que alcanza unha cifra de vendas proporcional ao disco de ouro nacional, que a fai merecedora do “Disco de Ouro Galego”. Na primavera de 2005 a súa traxectoria artística vese avalada pola obtención do primeiro premio do “Disco-Pop de Solistas Gallegos”, e a finais dese mesmo ano prodúcese o lanzamento do seu segundo disco, “El Tiempo Dirá...”, que coincide coa súa designación para representar a España no Festival de Viña del Mar, coa canción de Chema Purón “Que haría contigo”, festival no que alcanza un extraordinario éxito, obtendo o segundo posto entre as tres finalistas.
En 2006 leva a cabo a súa segunda viaxe a Chile e Arxentina, actuando en Valparaíso, Viña, Santiago de Chile, Bos Aires e Rosario, entre outras cidades.
Ese mesmo ano, a súa canción "Amarás miña terra" é seleccionada pola Academia da Música como candidata finalista á "Mellor Canción en Galego" para os Premios da Música.
En decembro de 2008 lánzase de forma simultánea en España e Chile o seu terceiro álbum “Volar por los tejados”, levando a cabo numerosos concertos de presentación por toda a xeografía española. En febreiro de 2009 participa por segunda vez no Festival de Viña del Mar coa canción “Este amor es tuyo”, levando a cabo diversas actuacións naquel país. En abril dese mesmo ano é elixida para interpretar o Himno de Galicia na toma de posesión do recen elixido presidente da Comunidade Autónoma Galega, na Praza do Obradoiro de Santiago de Compostela, ante miles de persoas.
Nos primeiros meses do ano 2010 leva a cabo a gravación do seu cuarto disco, “Dígocho en galego”, o primeiro da súa carreira integramente gravado en galego. Neste disco inclúe a canción “O Incio”, da que é coautora, xunto a Chema Purón, en clara homenaxe ao pobo que a viu nacer. Dita canción lévaa a competir con representantes de todas as Comunidades Autónomas españolas no primeiro Festival Gayvisión, celebrado en Torremolinos en outubro de 2010, e do que resulta ganadora absoluta. En xaneiro e febreiro de 2011, tras un rigoroso proceso de preselección, participa no programa de TVE “Destino a Eurovisión”, sendo en todas as galas favorita do público, que finalmente a elixe como representante de España no Festival de Eurovisión 2011, coa canción de R. Artesero, “Que me quiten lo bailao”.
Entre outras distincións, Lucía Pérez foi galardoada pola “Enxebre Orde da Vieira” coa distinción “Vieira de Honor a la Calidad Artística”, co premio “Galicia Sexta Provincia” como artista revelación e foi nomeada “Lucense do Ano” e “Filla Predilecta” do Incio, pola súa contribución á difusión dos valores da súa terra.