Calros Solla


Categoría: Profesor, etnógrafo e escritor
Data de Nacemento: 1971
Lugar de Nacemento: Pontevedra
 Currículum

É profesor de historia e lingua galega, etnógrafo e escritor.

Membro fundador do colectivo cultural e ecoloxista Capitán Gosende. Membro da Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

 Obras realizadas

No eido poético, é autor dos poemarios Xábregho (1999), Mel de arañas (2000), Terras raras (2001) ‒todos tres recollidos na antoloxía Ras e tritongos (2003)‒. Os versos de Xábregho e Mel de arañas foran galardoados co 1º Premio de Poesía no I Certame Literario da Facultade de Filoloxía da Universidade de Vigo (1992). É autor tamén de Cerdedo in the Voyager I (2004) e Libro de reclamacións (2005), coleccións de poesía visual, e mais dos libros de “retrónicas” reGaliza e outras chuches (2008) e O orgullo do gurgullo (2012), tributo á Asociación Pola Defensa da Ría de Pontevedra (APDR) no seu 25 aniversario. En 2010, saíu do prelo Pan prós crocodilos. Ese mesmo ano, foi merecente do Premio de Poesía Johán Carballeira polo poemario MazinGZ e, en 2011, do Premio de Poesía Victoriano Taibo polo poemario Holocausto zacoe.

O máis da súa obra poética espállase por libros colectivos e revistas literarias, entre os que salientamos: X Festival da poesía no Condado (1990), Muller de doce sal. Homenaxe a Inés Canosa (2000), Das sonorosas cordas. 15 poetas desde Galicia (2005), Poesía contemporánea: Tabeirós-Terra de Montes (2005), Pontevedra literaria (2007), Polifonías II. Voces poéticas contra a violencia de xénero (2007), Bernardino Graña. Homenaxe no 75 aniversario (2007), Polos camiños de Cangas. 25 anos do certame de poesía María Soliño (2010), XXIV Festival da poesía no Condado (2010), Dairas (2011), Poema río dos Gafos (2012), 150 Cantares para Rosalía de Castro (2015); Madrygal, Dorna, Verbo Xido, Arraianos...

No eido histórico-etnográfico, como estudoso da bisbarra de Terra de Montes, forneceu a súa colección “Cerdedo in the Voyager” cos seguintes títulos: Cerdedo. Materiais para o estudo da freguesía de San Xoán de Cerdedo. Inventario xeral (2002), Cerdedo na obra do Padre Sarmento (2002), Almanaque de encantos. Mitoloxía da Terra de Cerdedo (2005), Monte do Seixo. Reivindicación da Montaña Máxica (2007), Monte do Seixo. O santuario perdido dos celtas (2008) ‒o seu labor de estudo e divulgación do monte do Seixo foi merecente do Diploma de Honra outorgado polos Amigos da Cultura Celta (Narón, 2011), revalidado pola mesma asociación cun Certificado de Agradecemento (San Cibrao de Las, 2017)‒, Cantares de Manuela de Barro. Achegas ao cantigueiro de Cerdedo (2008), Carta arqueolóxica do concello de Cerdedo (2009), O vervo xido. A fala secreta dos canteiros de Cerdedo (2011), O ano que chimpamos o cacique. Crónica do agrarismo en Cerdedo (2011), O código da vincha. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo (2012), O crime de Pardesoa (2013), As pedras da tribo. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo II (2014), Amuletos, talismáns e pedras da fartura: Obxectos de poder da Galiza tradicional (2014), A conxura dos Gosende. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo III (2015), Así aprenderán a non ter ideas. Agrarismo, caciquismo e República en Cerdedo (2016), Ao saimento de nós. Retrincos da intrahistoria de Cerdedo IV (2017) e O legado dos homes pequenos. Gravados rupestres de Cerdedo (2017).

Así mesmo, como colaborador da asociación cultural e ecoloxista Vaipolorío, deu ao prelo: Andar primeiro de río. Inmateriais do río dos Gafos (2009), O demo asubiador (2014) e O río da memoria. Cartafol do río dos Gafos (1745-1970) (2014).

“Polo seu traballo incansable de promoción e posta en valor da lingua e da cultura galega e nomeadamente do patrimonio natural e inmaterial do concello de Pontevedra”, concedéuselle o Premio Cidade de Pontevedra 2015.

A Confederación Galega de Asociacións Veciñais outorgoulle en 2017 o Premio Cogave.

Como afeccionado á arqueloxía, amais de identificar, no monte do Seixo, por riba dunha trintena de “pedras con lenda” (estacións míticas) ‒entre elas, a xa célebre Portalén‒, ten atopado, no concello de Cerdedo, numerosos depósitos ou pezas de notábel valor arqueolóxico: o pétreo antropomorfo nomeado Xacente do Coto das Insuas (O Serrapio-Pedre), o muíño navicular do Castriño (Fondós-Quireza), o gravado rupestre da Cerqueira (Biduído-Cerdedo), os gravados rupestres do Outeiro Aciveiro Ib, II e III (Biduído-Cerdedo), os gravados rupestres Ib, IV e V do Monte de Baixo (Limeres-Cerdedo), o gravado rupestre do Alto do Monte II (Deán-Figueiroa), os gravados rupestres da Laxa das Filloeiras I e II (Pedre), o gravado rupestre da Laxa do Sangal (Cerdedo), o gravado rupestre do muíño de Herdeiros de Baixo (Abelaíndo-Cerdedo), o gravado rupestre do Outeiro da Bichoca (Chamadoira-Cerdedo), o gravado rupestre do Outeiro de Riba (Biduído-Cerdedo), o gravado rupestre de Carballás (Cerdedo), o gravado rupestre do monte de Laxoso (Quireza), os gravados rupestres das Corvas I e II (Pedre), o gravado rupestre da Porteliña (Tomonde), o gravado rupestre da Lomba de Castrodiz (Figueiroa), o gravado rupestre de Vilarchán (Quireza), os gravados rupestres da Laxa da Romaxe I e II (Pedre), o gravado rupestre do Outeiro Rachado (Figueiroa), o gravado rupestre do Coto Laceiras (Figueiroa), o Serpentiforme de Limeres (Limeres-Cerdedo)...

No concello da Estrada, os gravados rupestres do Outeiro da Pena I, II e V (Sabucedo). No concello de Forcarei, o gravado rupestre da Mámoa Grande (monte do Seixo-Presqueiras), o gravado rupestre do Vieiro (Castrelo), os gravados rupestres da Pedreira IV, V e VI (Pereira) e o gravado rupestre de Filloi (Aciveiro). Na parroquia de Cerponzóns (Pontevedra), atopou o gravado serpentiforme da pedrafita do monte Curuto...

É artífice dos itinerarios culturais Roteiro Sarmento (Cerdedo), de 2002, Roteiro da Montaña Máxica (monte do Seixo), de 2006, Roteiro da Pantalla (Cerdedo), de 2011, e Roteiro polo Pedre milenario, de 2013, inseridos no seu Proxecto Montaña Máxica, co que porfía, a carón da colección de ensaios “Cerdedo in the Voyager” (Ed. Morgante), na dignificación da terra cerdedense. A día de hoxe, máis de cinco mil persoas descubriron o monte do Seixo na súa compaña. Xunto co Grupo de Estudos Etnográficos “Serpe Bichoca” realizou o documental Monte do Seixo. A Montaña Máxica (2009). En 2012-13, comisariou a exposición “De rezos a conxuros” (colección particular de amuletos, talismáns e outros obxectos de poder da cultura tradicional) no Museo Etnográfico Liste (Vigo), que foi visitada por perto de dez mil persoas.

Á súa angueira investigadora e creativa engádeselle a súa faceta de conferenciante no ámbito da mitoloxía popular e da defensa do patrimonio. Consignado no Dicionario de Escritores de Tabeirós-Terra de Montes (2004), é adoito colaborador da prensa escrita (de xeito cotiá, no xornal Faro de Vigo) e da web Galicia Encantada. Mantén na internet os blogs O Embigo do Becho e Cerdedo in the Voyager.