José Ricardo Pardo Gato


Categoría: Avogado, docente, xurista e escritor
Data de Nacemento: 10 de xuño de 1970
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Cursou estudos iniciais no Colexio Santo Domingo da Coruña e licenciouse en Dereito pola Universidad desta cidade en 1994, onde se diplomou en Estudos Avanzados, coa cualificación de sobresaliente, e en Estudos da Defensa, pola Universidade de Santiago. Tras realizar o servizo militar e licenciarse con Diploma de Honra (na actualidade é oficial do Exército de Terra na reserva voluntaria), incorporouse en 1995 ao Colexio de Avogados da Coruña, desenvolvendo a súa actividdae letrada en diferentes despachos de Galicia. Paralelamente, desde 1997 e ata 2003, disfrutou diversas bolsas de estudo e investigación da Escola Galega de Administración Pública, onde desempeñou diversos postos de xestión e coordinou a obra A Lei de Administración Local de Galicia (Xunta de Galicia, 1998). A partir de 2004 pasa a formar parte do grupo de investigadores do Arquivo Catedralicio Compostelán, tendo publicado desde esa data distintos traballos sobre aspectos xurídicos da peregrinación xacobea. Desde 2005 ostenta o cargo de secretario da Sección de Dereito Civil de Galicia do Colexio de Avogados da Coruña. Nese mesmo ano, a Fundación Mapfre concédelle unha das súas bolsas de investigación internacionais, sobre as repercusións e responsabilidades da utilización de produtos químicos no traballo; investigación que desenvolve ao longo de 2006 e 2007, tendo como froito a publicación de sendos artigos na revista da Fundación e dunha obra monográfica editada pola mesma.

Socio fundador de Fuente&Pardo Avogados, asesor xurídico da Asociación de Profesionais de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia e Árbitro da Asociación Galega para a Arbitraxe, en 2007 incorpórase tamén aos Colexios de Avogados de Madrid e Barcelona, asesorando na actualidade a diversas empresas e entidades de ámbito nacional e internacional. Entre 2007 e 2009 ocupou o cargo de secretario xeral do Instituto Galego de Estudos Europeos e Autonómicos e desde 2009 é representante para Galicia da Asociación nacional Scevola para a Ética e a Calidade na Avogacía.

No seu labor docente, ademais da súa experiencia na Escola Galega de Administración Pública, colabora coa Facultade de Dereito da Universidade da Coruña e é profesor da Escola de Práctica Xurídica Decano Iglesias Corral, da que tamén foi secretario do seu Consello Rector. Así mesmo, dirixiu e coordinou numerosos cursos, xornadas e seminarios, pronunciou múltiples conferencias en diversos foros e participou en distintos congresos. Foi membro da Comisión de Estudos e relator, entre outros, do III Congreso da Avogacía Galega (Ourense, 2003) e do VII Congreso Internacional de Academias de Xurisprudencia e Lexislación (A Coruña, 2010).

É director da revista técnico-xurídica Aprosal e membro do consello de redacción e do consello asesor de varias revistas xurídicas especializadas, entre elas Economist&Jurist ou Foro Galego.

 

 Obras realizadas

É autor dos seguintes libros: Las páginas web como soporte de condiciones generales contractuales (Aranzadi, 2003), Las cláusulas abusivas en los contratos de adhesión (Dijusa, 2004), La realidad social del turismo en Galicia (Deputación de Pontevedra, 2006), Colegios de abogados y sanciones disciplinarias (Civitas, 2007), Código de la Contratación de Obra Pública (Aranzadi, 2008), Productos químicos en el Trabajo: obligaciones, garantías y responsabilidades (Fundación Mapfre, 2008), Prevención de Riesgos Laborales en la Construcción (Grupo Difusión, 2009), Formularios de Prevención de Riesgos Laborales en la Construcción (Grupo Difusión, 2009), Código de la Abogacía española (Aranzadi, 2010), La justicia universal (Grupo Difusión, 2011), Legislación del Mercado de Valores (Aranzadi, 2011), Diccionario de Prevención de Riesgos Laborales (Bomarzo, 2012), Diccionario Jurídico Financiero (Aranzadi 2012) e Derecho Civil Foral (varios volumes, Bosch, 2012).

Coautor do Código Bancario (Aranzadi, 2009) e coordinador-autor de Montaje y mantenimiento industrial - Guía de Prevención de Riesgos Laborales (Xunta de Galicia, 2009) e Riesgos y prevención en sectores laborales feminizados (Xunta de Galicia-ISSGA, 2010).

Participou en máis dunha ducia de libros colectivos e publicou máis de medio cento de artigos nas revistas nacionais e internacionais máis prestixiosas.

 

 Outros datos de interese

Premio Liaño Flores (Colexio de Avogados da Coruña, 2000), Premio Manuel Colmeiro (Xunta de Galicia, 2001), Premio nacional Estanislao de Aranzadi (Editorial Aranzadi-Consello Xeral da Avogacía Española, 2002), finalista do Premio nacional La Ley (Editorial La Ley, 2002), accésit do Premio nacional San Raimundo de Peñafort (Colexio de Avogados de Murcia, 2002), Premio nacional Magistrado Ruiz Vadillo (Asociación Española de Avogados Especializados en Responsabilidade Civil e Seguro, 2003), Premio internacional de Artigos Xurídicos García Goyena (Universidade Nacional de Educación a Distancia, 2003), Premio Amando Losada (Consello da Avogacía Galega, 2004), Premio Otrosí Vigo (Colexio de Avogados de Vigo, 2004), Premio Á Investigación de Galicia (Deputación de Pontevedra, 2004), Premio de Estudos Xacobeos (Xunta de Galicia, 2004), Premio de Contos Curtos (Colexio de Avogados da Coruña, 2004), Premio nacional Scevola de investigación jurídica (Asociación Scevola para a Ética e a Calidade na Avogacía, 2005), Premio nacional Memorial Degà Roda i Ventura (Colexio de Avogados de Barcelona, 2007) e Premio nacional MC Mutual Antonio Baró a la Prevención de Riesgos Laborales (MC Mutual, 2008).