Felipe Porta Vila


Categoría: Biólogo e escritor
Data de Nacemento: 17 de xaneiro de 1950
Lugar de Nacemento: Ferrol (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Licenciado en 1975 en Ciencias (Sección de Biolóxicas), obtivo en 1986 a cualificación de sobresaliente coa tesiña de licenciatura Variabilidad bioquímica y de crecimiento del mejillón 'Mytilus galloprovincialis' cultivado en batea. En 1993, doutorouse en Ciencias Biolóxicas coa tese de doutoramento Análisis del crecimiento en batea de 'Mytilus galloprovincialis' Lmk. mediante modelos multivariantes e inteligencia artificial. Actualmente, e dende 1981, traballa na Delegación Comarcal de Vilagarcía de Arousa da Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia. Polo que á súa actividade docente se refire, é profesor do programa de doutoramento de 'Bioloxía Mariña e Acuicultura' de carácter interuniversitario para as tres Universidades Galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo). Desde o ano 1968 colaborou en distintas actividades en departamentos da Facultade de Ciencias da Universidade de Santiago de Compostela e participou en varios proxectos de investigación.

 Obras realizadas

Entre os seus traballos científicos publicados podemos destacar os libros Anfibios gallegos, Prácticas de Botánica para alumnos de EGB, BUP y COU (estes dous libros en colaboración con Manuel A. Porta Carracedo e María del Carmen Porta Vila), El Sector Mejillonero Español, Capacidad de polígonos de viveros flotantes e Análisis químico de minerales (en prensa). En colaboración con outros autores, tamén destacan os artigos Composición bioquímica y crecimiento del mejillón 'Mytilus galloprovincialis' cultivado en batea, Cinética de consumo de oxígeno en el mejillón 'Mytilus galloprovincialis', Cultivo masivo de la microalga marina 'Dunaliella tertiolecta' con clorurfo amónico como fuente de nitrógeno: composición de proteínas, carbohidratos, clorofila A y RNA e Comentarios sobre producción, depuración y control de mejillón en España. Felipe Porta asistiu, ademais a numerosos congresos e reunións científicas e impartiu múltiples cursos e conferencias.

 Outros datos de interese

Felipe Porta pertence ás seguintes asociacións: Asociación Española de Científicos, Asociación Española de Científicos e Tecnólogos de alimentos, Asociación Española de Esclerose múltiple, Asociación de antigos alumnos da Universidade de Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Biólogos, European Aquaculture Society e Asociación Cultural "O Tarabelo". En xullo de 1989 foi designado "Galego do Mes" polo xornal El Correo Gallego. Foi finalista da convocatoria de 1989 dos "Premios de Investigación Científica", organizada por El Correo Gallego e patrocinada por Coca-Cola. Habitualmente colabora na Radio de Arousa en asuntos relacionados co mar. Desde o inverno de 1991 ó verán de 1992, colaborou no programa de radio da RTVG "Fin de Semana". En 1996 foille outorgada a insignia de ouro da Asociación Española de Esclerose Múltiple.