Único palista galego que logrou a vitoria en K-1 nos 71 anos de historia do Descenso Internacional do Sella, Corral era palista, adestrador, profesor de adestradores e unha desas persoas entrañables que aportaron moitas horas de ilusión e traballo ó piragüismo galego. Iniciou a súa carreira deportiva no club do seu pobo natal, o Grupo Xuvenil, continuou no Náutico Firrete e regresou de novo ó Grupo Xuvenil antes de recalar no seu actual club, As Torres Romería Vikinga de Catoira, con el disputou a súa última competición, a Regata Internacional Pais de Calais, onde logrou a medalla de prata na categoría de veteranos. Ademais desa histórica vitoria en 1996 coa Selección Galega na Regata Internacional de piragüismo máis importante do Mundo, o Sella, no seu currículo deportivo tamén aparece o título de Campión de España de Maratón e foi ademais internacional coa Selección Española de Maratón en tres ocasións. Por encima dos seus destacados méritos como deportista, o seu labor como adestrador e formador de adestradores ó longo destes anos é recoñecida por todos e a súa paixón polo piragüismo estaba por enriba de todo, como o demostraba cada vez que había a oportunidade de charlar con el.