Criouse en Tacuarembó (Uruguai), "descubriu" Galicia ós 20 anos. Foi activista na década dos oitenta a favor da cultura e da lingua do país a través da empresa, da radio, do libro, de conferencias e participando (na base) na política galega. Ten estudios de Filoloxía, Dereito e a carreira de Piano, exercendo como funcionario de grao medio do Ministerio de Economía e Facenda.
Dedicouse á Onomástica e á Xenealoxía, centrada esta nas familias galegas que, desde o século XVIII, crearon estirpes no Río da Prata (Arxentina e Uruguai), país ó que segue vinculado pola súa dobre nacionalidade. Dentro das súas obras podemos destacar: Cara ó lonxe, noite adiante (poesía, 1973)¸ As ruas da cruña (democratizaçom e galeguizaçom do nomenclátor, sem assinar) (1978); O galego hoxe (colectiva, 1978); Nau enfeitizada (poesía, 1979); Galego e galeguismo (antoloxía, 1979); De amor e desamor (I y II, colectiva, 1984 e 1985); Sobre o portunhol (colectiva, 1986); O tema da emigración no Castelao gráfico (premio Xesús Canabal, Montevideo, 1987); Memoria de Tacuarembó (poesía, Montevideo, 1987); Apelidos galegos (1990); O cemiterio de Santo Amaro, A Corunha (1992); Apeligos Galego-Portugueses no mundo (colectiva, 1993); Aquela Luz (poesía, 1997); Casamientos en la vieja Coruña (1999); La onomástica como auxiliar de la Genealogía (Bos Aires, 1999); Seis familias de Tacuarembó (2000); etc.
É socio fundador da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Asociación Galega da Lingua. É socio activo do Instituto de Estudios Xenealóxicos do Uruguai. Na Asociación Galega da Lingua exercita a súa ideoloxía filolóxica reintegracionista, rexeneracionista ou etimolóxica.