Abelardo Miguel López Leira


Categoría: Pintor
Data de Nacemento: En 1918 (†En 1991)
Lugar de Nacemento: Pontedeume (A Coruña)
 Currículum

Quinto dunha familia mariñeira de once irmáns, Abelardo mostra desde neno unhas excelentes aptitudes para o debuxo. En 1934 obtén o segundo galardón do certame de pintura infantil na Asociación de Artistas de Ferrol e en 1935 gaña o 1º premio de Debuxo na Coruña, que lle fará obter una bolsa na Academia de Belas Artes de San Fernando en 1936.
En 1950 decide retomar os seus estudos superiores de pintura en San Fernando, que finaliza en 1956. Viaxa a Italia cunha bolsa na prestixiosa Escola Española de Arte de Roma e para completar a súa formación amplía os seus estudos en París e Holanda. A década dos 50- 60 será a súa década máis activa en canto a saídas e exposicións en todas as capitais galegas, Madrid, Bilbao, León, Salamanca e capitais lusas como Porto e Lisboa, caracterizándose por un éxito rotundo de público e vendas.
Configura o seu estilo baseándose nas súas excepcionais calidades técnicas poñéndoas ó servizo dunha excepcional captación da súa realidade máxica e a súa intensa identidade galega. Abelardo é un gran creador. Recolle influencias do pasado cun filtro post impresionista de tradición cezannesca logrando unha obra de acusada individualidade dentro da figuración. A súa temática é fundamentalmente mariñeira... desde os seus característicos bodegóns, ás mariñas, os seus retratos colectivos, e sobre todo nas súas magníficas conxuncións de paisaxes e homes.
Abelardo é un dos pintores que mellor retratou a esencia da Galicia mariñeira. Os seus retratos, con modelos arrancados da entraña do pobo, plasman por igual a homes, mulleres e nenos dedicados ó mar. Os seus retratos colectivos recollen con mestría e orixinalidade a mellor tradición barroca holandesa de retratos de colectivos profesionais. As súas paisaxes mariñeiras recollen a facha dos paisaxistas coruñeses Corral, Bello e Abelenda decantándose por atmosferas de ceos luminosos que conxugan o seu colorido azul co verde das augas das rías galegas.
Abelardo destaca como o mellor pintor de bodegóns galego do século XX, alternando bodegóns de caza ou flores, con outros de terra e mar de técnica prodixiosa, sublimando o vulgar co poético, coa innovación de sacalos ó aire libre e integralos con fondos de paisaxe mariños.
As súas obras son completamente singulares, é creador dun estilo completamente único e desta conxunción de creación e excelencia técnica xorde o xenio do artista. Extraordinario debuxante e corista excepcional, Abelardo mostra un gran dominio da técnica en todos os temas, tratándoos dunha forma moi orixinal e suxestivo, sendo a excepción que aparezan os temas de forma illada, xa que tende a unha simbiose singular, como un xénero mixto.
É creador duns arquetipos iconográficos que repite ó longo de toda a súa carreira: a “peixeira”, a mariscadora, o ancián pescador, os “feiróns”, os bodegóns mariñeiros... que serán claves do selo que identifica tan claramente os seus óleos. Sen embargo, Abelardo non é un pintor folclorista, vai á esencia do pobo galego, de aí o seu gran valor no debate actual en torno á existencia dunha arte de identidade.
As obras de Abelardo Miguel teñen hoxe un valor engadido á esencia da súa pintura…, o seu importante valor antropolóxico. Son testemuña dunha realidade histórica xa desaparecida, coa creación de arquetipos laborais propios dunha sociedade ancestral, cunhas relacións específicas lúdico-laborais que se plasman en toda a súa pureza. Abelardo é cronista dese mundo da Galicia agropecuaria e de artesáns mariñeiros, de mulleres recias e aguerridas que traballan coas súas mans, de festas e feiras de paisaxes idílicos de mar e montaña, unha realidade etnolóxica e xeográfica hoxe extinguida.
É importante sinalar a excepcional incursión do pintor no tema mitolóxico, no proxecto cooperativo de Santa María de Castro, para o que realizará en 1960 un complexo programa iconográfico baseado na Galicia arcádica, descuberto en 2006 pola súa biógrafa María Fidalgo.
Non abandonou a pintura ata marzo de 1991, data na que morre en Pontedeume.
En 2003 a Corporación municipal eumesa concédelle a medalla de ouro ó Mérito Artístico.
A súa proxección foi moi limitada porque nunca buscou o apoio da intelectualidade que levou ó cume a pintores de salón, centrouse en Pontedeume e non se prodigou en asistir a eventos sociais, nin se vinculou a camarillas ou grupos artísticos de renome, e á súa morte foi esquecido. Aínda hoxe é un gran descoñecido na historia da arte galega, non existe apenas bibliografía sobre el, algo sorprendente en tanto que se trata dun artista con logros realmente significativos dun valor incuestionable e está aínda pendente a difícil catalogación da súa obra, xa que o milleiro de lenzos que pintou están en coleccións particulares.

 Obras realizadas

EXPOSICIÓNS E PREMIOS
Pese ó enorme éxito das súas exposicións da década dos 50 e 60 (Porto, Centro Galego da Habana, Bienais de Salamanca, Oviedo, León, Lisboa, Lugo, Ourense, Santiago, A Coruña e Ferrol), evitaba asistir a certames e premios, aínda que obtivo galardóns como o 1º Premio e 1ª Medalla na Feira do Mar en 1961 e a 1ª medalla da Exposición Cara ó Mar en 1973.
 

 Outros datos de interese

BIBLIOGRAFÍA
-Fidalgo, Manuel Luis: “Abelardo Miguel nació pintor en Pontedeume”, Ferrol Diario, 1958.
-Leyra, J.: Pintura Ferrolana. SAF, 1987.
-Fidalgo Casares, María: “Abelardo Miguel” Gran Enciclopedia Gallega, 2006.
-Fidalgo Casares, María: “El programa iconográfico de Abelardo Miguel en la Cooperativa de Santa María de Castro”, Revista Cátedra, 2007.
-Fidalgo Casares, María: “Abelardo Miguel, pintor de Pontedeume” (próxima publicación).