
CurrículumIngresou no Seminario Diocesano de Lugo en 1941, onde estudou Latín e Humanidades. En 1947 marchou a Roma para estudar Filosofía, pero tivo que regresar a Lugo a causa dunha grave enfermidade. Tras unha longa recuperación, continuou no Seminario de Lugo estudando Teoloxía e Filosofía. Trala súa ordenación sacerdotal en 1953, volve a Roma a ampliar estudos. Alí acada a licenciatura en Teoloxía, e no Pontificio Istituto di Musica Sacra as seguintes especialidades: Licenciatura en Canto Gregoriano e cursos do doutorado, Maxistratura en Harmonía, Composición e Dirección, Bacharelato en Musicoloxía e Bacharelato en Paleografía Gregoriana. Compaxina estes estudos coa colaboración como organista na Basílica de Montserrat, e como membro da Cappella Musicale Pontificia, baixo a batuta do Mestre Lorenzo Perosi.
De novo en Lugo en 1961, obtén por oposición o cargo de Prefecto de Música na Catedral de Santa María, e no Seminario é nomeado profesor de música, vigorizando a Scholla Cantorum. Durante seis años creou e dirixiu a Coral Polifónica do Círculo das Artes e durante dous anos a Polifónica de Lugo.
En 1971 é nomeado Reitor do Seminario Diocesano de Lugo, cargo que desempeñará ata 1981. Cesado do cargo de Reitor, funda o Orfeón Lucense e é nomeado membro do Consello de Cultura da Excma. Deputación Provincial de Lugo, creando a “Escolanía de Canto” do mesmo órgano Provincial. Esta escolanía, aínda existente, chámase “Escolanía Xosé Castiñeira Pardo”.
En 1989, unha grave enfermidade obrígao a interromper a súa actividade en plena idade de ouro. Falece finalmente o 31 de outubro de 1989.
Amigo, pai e irmán, afable no trato, permanece no recordo do pobo de Lugo, que o recorda cariñosamente cunha avenida e un monolito no Parque de Rosalía de Castro.
Obras realizadasA súa obra musical destaca por un estilo actual, acomodado ás prescricións conciliares do Vaticano II, creando as primeiras composicións litúrxicas en lingua galega e as Misas para coro e pobo. A súa faceta como arranxista e compositor profano, tampouco deben pasar desapercibidas. O arquivo capitular da Catedral de Lugo conserva toda a súa obra, e un disco editado en 2007 mostra de forma práctica a música que este mestre deixou.