José Luis Fernández Ansedes


Data de Nacemento: 20 de xaneiro de 1955
Lugar de Nacemento: Mondoñedo (Lugo)
 Currículum

Estudou o ensino primario no antigo colexio das monxas da Fundación "Julia Pardo Montenegro” e posteriormente a preparación para o ingreso de Bacharelato na academia de Alejandro Palacios. Cursou o Bacharelato Laboral no Instituto de Mondoñedo e o Superior no Instituto de Ribadeo pasando as probas de Reválida en Betanzos e o exame de ingreso na Universidade en Santiago de Compostela. Diplomouse na Escola de Turismo da Coruña e posteriormente realizou estudos de Ciencias Empresariais en Lugo. Desde 1978 traballa como xerente dunha empresa de tradición familiar “Comercial Fermo” en Mondoñedo e desde o ano 2004 dunha casa de turismo rural, “Finca el Remanso” en Viloalle-Mondoñedo. Practicou diversos deportes desde moi novo e destacou como dinamizador da cultura a través da asociación “Leiras Pulpeiro” da que foi membro fundador e presidente. Esta asociación desenvolve multitude de programas, destacando os de índole cultural: conferencias, concertos, representacións teatrais (Noite de Merlín), celebración de X edicións de “Sábados de Vagar” en Mondoñedo durante o mes de agosto ... Posteriormente, a raíz da creación do Club de Natureza “Leiras Pulpeiro”, centrouse máis nas actividades do ámbito deportivo e de promoción turística: a fundación do Club de espeleoloxía “Rei Cintolo” para a potenciación e divulgación da cova, deseño e sinalización de catro rutas de sendeirismo en Mondoñedo, recuperación da área recreativa da “Fervenza” de Viloalle, creación dunha ruta turística interautonómica que une Tapia de Casariego (Asturias) con Mondoñedo (A Ruta do Maiz)... E cofundador e presidente da asociación “Abrindo Camiño” de Amigos do Camiño Norte que xorde no ano 2004 ó abeiro das actividades realizadas na asociación cultural “Leiras Pulpeiro” de Mondoñedo. Para iso decídese reunir a persoas de diferentes concellos e asociacións para abarcar as comarcas de A Mariña e A Terra Chá, o paso do Camiño Norte pola provincia de Lugo.

 Obras realizadas

No ámbito empresarial foi directivo da Asociación de Comerciantes Industriais e Autónomos de Mondoñedo ACIAM desde o ano 1990 ata primeiros do 2000; cofundador e presidente da Feiramostra “As San Lucas” (1993-1995); colaborador como director de programación co Concello no ano 2004 para potenciar os sectores agroalimentarios, forestais e de turismo alternativo da comarca; fundador e co-organizador durante 4 edicións da Festa Gastronómica da Ensalada... e directivo de FEMLU Federación Empresarial da Mariña de Lugo sendo o encargado de levar a cabo a 1ª exposición conxunta da Comarca da Mariña en TURISPORT en Silleda e de FITUR en Madrid.