Víctor Fernández Freixanes


Categoría: Escritor e xornalista
Data de Nacemento: 25 de agosto de 1951
Lugar de Nacemento: Pontevedra

Real Academia Galega
 Currículum

É escritor, editor, xornalista e profesor universitario (Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela). Membro do plenario do Consello da Cultura Galega. Doutor en Filoloxía Románica pola Universidade de Santiago en 1998. Catedrático (en excedencia) de Lingua e Literatura Galega de ensino medio.

Ingresou na Real Academia Galega o 27 de febreiro de 2004 co discurso Desafíos para un novo século. Entre a Trabe de Ouro e a Paxariña de Armenteira, ao que respondeu o académico Antón Santamarina Fernández, ocupando a cadeira do seu predecesor Carlos Casares, tamén editor e escritor. Actualmente dirixe Editorial Galaxia S.A. e Merlín Comunicación S.L., e é codirector da revista Grial (Revista Galega de Cultura), xunto co profesor Henrique Monteagudo.

Os seus primeiros libros son de xornalismo: Unha ducia de galegos (Galaxia, 1976) e Memorias dun fuxido (Edicións Xerais de Galicia, 1980), que foi finalista do Premio Internacional da Prensa en Niza. Como novelista publicou O triángulo inscrito na circunferencia (Galaxia, 1983), O enxoval da noiva (Galaxia, 1988), A Cidade dos Césares (Edicións Xerais de Galicia, 1993) e Cabalo de ouros (Galaxia, 2010). En 1991 publicou Unha avelaíña na lámpada, relato breve ilustrado polo pintor Xosé Freixanes (Edicións Aguatinta) e en 1989, Pontevedra, O día en que perdemos o mar (Ir Indo) con fotografías de X. Vilar Cardona. Entre outros premios, recibiu o Premio Blanco Amor de Novela (1983) e o Premio Gonzalo Torrente Ballester (1993), así como dúas veces o Premio da Crítica española e galega polas dúas primeiras obras, e o Premio de Narracións Curtas Modesto Figueiredo (“A caza das cascudas”) en 1980. Tamén é Premio Fernández Latorre de xornalismo (2002). Por Cabalo de ouros obtivo no seu día o Premio da Federación de Libreiros de Galicia ao Autor do Ano e o Premio da Asociación Española de Críticos. Como xornalista foi cofundador da revista Teima (1976), primeira revista de información xeral en lingua galega despois da ditadura de Franco; redactor entre 1974 e 1980 de Radio Popular de Vigo, onde activou a presenza do idioma galego no medio radiofónico, e director entre 1985-1986 do programa de TVG “A trabe de ouro”. Como ensaísta e director de liñas de investigación, a súa actividade céntrase preferentemente no ámbito da comunicación e as industrias culturais: O disco e o cine. A cultura e os medios de comunicación de masas (Banco de Bilbao, 1980), “Lingua, poder e comunicación social”, en Cultura e medios de comunicación en sociedades dependentes (Ediciós do Castro, 1981), “El libro en lengua gallega“ en Historia ilustrada del libro español (Fundación GSR, 1996), “O perfil do xornalista na sociedade dixital” en A comunicación audiovisual na era dixital (USC, 1996), “Os novos medios” en Comunicación 2000 (Consello da Cultura Galega, 2000), “A sociedade da información” e redactor-relator de Galicia 2010 (Asociación do Proxecto de Investigación Galicia 2010), entre outros títulos. Dirixiu Galicia, Unha luz no Atlántico (VVAA. Edicións Xerais de Galicia, 2001) e O capital da cultura. Mapa das industrias culturais de Galicia (Fundación Caixa Galicia, 2010, en colaboración con Alberto Meixide Vecino). Entre 1988 e 1993 foi director xeral da Edicións Xerais de Galicia e posteriormente, ata 1998, director xeral de edicións do Grupo Anaya e director de Alianza Editorial S.A. Actualmente é Presidente da Fundación Otero Pedrayo, dende 2005, e membro do Patronato Executivo da Fundación Germán Sánchez Ruipérez. Colaborador habitual na prensa con columnas de opinión (La Voz de Galicia), foi profesor e conferenciante invitado en varias universidades estranxeiras: The Graduate School and University Center de Nova York, Forham University de NY, Universidade de Tamaulipas (México), etc. e relator de seminarios arredor da edición en feiras internacionais (Buenos Aires) con atención especial ás novas tecnoloxías. Traduciu ao galego as Lettres de mon moulin de Alphonse Daudet (Edicións Xerais de Galicia, 1980).

 

Texto extraído da web www.realacademiagalega.org