Foi profesor mercantil pola Escola da Coruña. Estudiou Maxisterio na Escola Normal de Lugo e licenciouse en Dereito na Facultade de Santiago de Compostela. En 1956 fundou a "Asociación de Artistas Ferrolanos". Dedicou a súa vida profesional á avogacía e ó ensino.
Publicou os seguintes libros: Bello Piñeiro y su Tiempo (1967); Aportaciones al arte pictórico (1985); Pintura Ferrolana (1987); Pablo Iglesias y su entorno (1995); Xacobe e Prisciliano (Ensaio sobre unha piadosa creenza más político que religioso) (1997); La decoración mural de Bello Piñeiro en el Casino Ferrolano; Ecos de Italia y Francia; Ensayo entorno al periodismo ferrolano e San Saturnino. Colaborou nas revistas "Aturuxo", "Nordés", "Finisterre", "Vida Gallega", "Arte Galicia", "Alborada" (Barcelona), "Libredón" (Santander), "Galicia Emigrante" e "Abrente" (publicación da Real Academia de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario). Escribiu múltiples artigos xornalísticos e deu conferencias por toda Galicia. Realizou exposicións individuais e colectivas en Ferrol (1946, 1947, 1950, 1952, 1955 e 1991), A Coruña (1948 e 1952), Lugo (1957), Ourense (1967), Vigo (1948) e Santiago de Compostela (1951 e 1954).
O Ateneo, o Concello de Ferrol e a Deputación da Coruña realizaron no ano 2000 unha exposición antolóxica da súa obra. Foi académico da Real Academia Galega desde 1951, da de Belas Artes de Nosa Señora do Rosario desde 1978, socio de honor da "Sociedade Artística Ferrolá" e presidente de honor da Asociación de Amigos da Paisaxe Galega. Ademais do castelán e do galego, falaba francés, inglés e alemán.