Relixioso franciscano desde 1949. Foi ordenado sacerdote o 24 de xuño de 1956. Realizou os seus estudios eclesiásticos de Filosofía e Teoloxía en Santiago de Compostela. Licenciado en Dereito Romano (Universidade Lateranense, Roma, 1959), licenciado en Lingua Italiana e Alemana, doutor en Dereito Civil e Canónico (Universidade Lateranense, Roma, 1961). Foi vicerrector do Convento de San Francisco (Santiago 1962-1968), conselleiro provincial (1968-1971), vice-provincial (1971-1977), Prefecto Provincial de Estudios (1971-1974), rector do Convento de San Francisco (Santiago 1974-1977), delegado episcopal da Arquidiocese de Santiago de Compostela para os Institutos de Vida Consagrada (1976-80). Foi bispo de Lugo desde o 28 de xuño de 1980, exercendo durante as últimas semanas como administrador apostólico da diócese. Foi profesor de Teoloxía Moral e Dereito Canónico no Teologado Franciscano (Santiago, 1962-1969) e no Seminario Conciliar (Santiago, 1969-1980), profesor de Filosofía e Ética Social (Escola de Asistentes Sociais, Santiago, 1968-1980), profesor de Deontoloxía Profesional (Escola de Secretarias de Dirección, Santiago, 1967-1974) e na Escola de ATS da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago de Compostela (1969-1978).
Publicou diversos artigos na revista "Liceo Franciscano" e a tese de doutoramento Los elementos esenciales del matrimonio romano en los períodos clásico, postclásico y justinianeo (1966-67). Tamén publicou artigos e pastorais en distintas revistas de ámbito nacional.
Durante o seu episcopado promoveu importantes obras sociais e culturais. É socio correspondente da Academia Médico Cirúrxica de Lugo, membro da Comisión Episcopal de Medios de Comunicación Social e da Xunta Xurídica da Conferencia Episcopal Española. A asociación de Radio Televisión de Lugo concedeulle o galardón "Amar a Lugo" (año 2000).