Estudiou Peritaxe Mercantil e Maxisterio en Lugo e Profesorado Mercantil na Coruña. Traballou en varias compañías e desde 1958 é funcionario no Concello de Lugo. Ten combinado o seu traballo como funcionario con outras actividades tales como organización administrativa de empresas, contabilidade e ensinanza. Traballou como profesor axudante na Escola de Comercio de Lugo. En 1969, puxo en funcionamento o sistema informático no Concello de Lugo e hoxe en día é o xefe do servicio de informática. Participou na Área de Cultura do Concello organizando as "Semanas Bibliográficas das Linguas Ibéricas". Desenvolveu unha importante actividade sindical, foi o presidente da unión provincial de traballadores da ensinanza, secretario da Asociación de Funcionarios da Administración Local, fundador e secretario xeral do Sindicato Independente de Funcionarios e presidente e membro da xunta de persoal do Concello durante varios anos. Foi o secretario da "Peña de Xadrez" do Círculo das Artes (Lugo) e o primeiro presidente da asociación ecoloxista "ASAMDENA". Colaborou na emisora "Radio Lugo" como locutor e foi o presidente do "Club Musical" e director do grupo cinematográfico do Círculo das Artes. Tamén foi actor de teatro e dirixiu a Aula de Teatro de Lugo, que representou unha ducia de obras clásicas e modernas. Participou, ademais, nalgunhas películas afeccionadas e encarnou o personaxe de "Pelúdez" en televisión.