Fillo de José Ogando Lamas e de Pastora Valcárcel Colmenero, aos tres anos marchou coa nai a Bos Aires, de onde os reclamou o pai que marchara un pouco antes. Alí criouse sendo un neno moi estudoso e responsable que era o orgullo de seu pai. Con once anos ía facer recados na consulta dun dentista e gañaba uns pesos. Na capital arxentina estudou, entre outros, nun colexio privado cun grande nivel e moi liberal. O seu pai morreu, e a súa nai, el e a súa irmá Victoria, nada en Bos Aires, volveron a Ourense no 1961. Produciulle unha penosa impresión chegar cos seus 13 anos unha noite a aquel Ourense, que estaba a anos luz do gran Bos Aires. Viviron no piso alto da casa familiar de Hernán Cortés, que xa collía estudantes, contaba Carlos moitas anécdotas desta época. Estudou nos Maristas ourensáns como externo. Cando ía para a universidade a nai decidiu gastar os aforros que tiña e en 1966 decidiu comprar un piso en Santiago, en San Pedro de Mezonzo, que entón estaba nas aforas e rodeado de prados, por iso houbo quen a criticou: mira que mercar fóra da cidade!
Logo comezou a coller estudantes para poder vivir, e a zona foise convertendo no mellorciño do ensanche compostelán. Carlos estudou Dereito levando curso por ano e con poucos suspensos, tamén coas típicas aventuras de estudante. Ao rematar, e feito un avogado sen traballo, marchou a Barcelona. Conseguiu entrar de oficinista na Seguridade Social. Nas horas libres comezou de pasante no prestixioso bufete de Octavio Pérez Victoria e grazas á súa valía, pasou a formar parte do despacho pedindo a excedencia na SS. Casou en Cataluña coa moza compostelá Mari Pepa Beiras.
Aos poucos anos as cousas non foron ben coa muller e separáronse. El entrou nunha crise emocional moi grande e veuse para Santiago, onde nada tiña profesionalmente. Puxo un despacho con dous avogados santiagueses -compañeiros de promoción- Manuel Martín e Antonio Espiñeira na zona vella, que pasados uns anos deixou para montar outro con Manolo Comendador (na Pza. de Vigo e despois en Dr. Teixeiro). E eles dous uns anos despois integráronse en Ágora Abogados con outros avogados. Tiña moita sona como avogado laboralista en toda a zona. Traballou activamente en Xustiza e Sociedade (asociación progresista) e meteuse en moitos negocios non sempre proveitosos economicamente pero nos que poñía toda a súa ilusión: cría de miocas, tenda de prata, revelado de fotos, ficheiro de altos cargos galegos... Estivo uns meses de cooperante cun médico en Bolivia, tivo unha época de esperantista, que o levou a viaxar polos entón países comunistas europeos no seu Ford Fiesta (Carlos Ogando Valcarcel, advokato, iama fakdelegito pri juro, mortis en Santiago de Compostela (Hispanio) en 2005, di nunha revista esperantista). Tamén viaxou por Arxentina e Brasil e por toda España. Sempre se interesou por temas esotéricos e ocultistas, o que o levou a irse facendo cunha biblioteca especializada. E levou as ideas á práctica xa que tivo épocas de Rosacruz e de masón. Alá por xaneiro de 1995 coñeceu a Angeles Cid, que pasou a ser o amor da súa vida. Ela fixo que se dulcificara un pouco o seu carácter e fíxose máis familiar, xa que tiña un carácter especial e moi pouca paciencia. Casaron o 5 de marzo de 2004 (23 días antes de morrer). Veu a xuíza e os funcionarios á casa del, asinaron Victoria e Eduardo Cid, tamén estaban Pilar (cuñada) e Rosa (amiga) e Anxo que o filmaba todo. Logo foron xantar ao Estanco onde se uniu o sobriño Paulo.
A finais de xaneiro comezou a sentir dores de cabeza e perda de equilibrio, diagnosticóuselle cancro de pulmón. Chegou a pór dúas sesións de quimioterapia e 10 de radioterapia. Pero de pronto tivo que ingresar no Clínico e morreu o domingo 28 de marzo de 2004 rodeado cos mimos de Ángeles e Victoria. Polo velatorio pasou medio Santiago: toda a profesión, amigos, familia, Pérez Touriño, Xerardo Estévez, ata o alcalde Sánchez Bugallo mandou unha tarxeta. Enterrouse o luns 29 en Alongos, porque era onde el quería. O cura do Incio, padriño do cuñado Anxo, pronunciou unha emotiva homilía. Houbo esquelas en La Voz de Galicia, La Región e El Correo Gallego.