José André Gonzâles Lôpez


Pseudónimo:André Da Ponte
Categoría: Escritor
Data de Nacemento: 5 de outubro de 1955
Lugar de Nacemento: A Ponte, Os Vilares, Guitiriz (Lugo)
 Currículum

Hai persoas máxicas escondidas polos rincóns do planeta, disfrazadas de normais, especialistas en disimular, que procuran comportarse como os demais, e por iso é difícil atopalas. Nos Vilares temos varias, e unha delas é André da Ponte.

Como O Apalpador, André tamén “saliu” dos Vilares. O recuperador desta lenda do Nadal galego, co nome completo de José André López González; André da Ponte ten as súas raíces ben chantadas na parroquia. Neto de Estrela de Nandulfe, que casou co Xastre da Ponte, que foron pais de Andrés, o seu pai. A súa avoa materna, María, de Vilasuso, irmá de Estrela casou para San Xoán de Alba, onde morreu. O seu avó paterno, José da Ponte, O Xastre, era irmán de Pedro Patricio, O Trapeiro, e de Dolores, a nai de Josefa do Cando, a Requecha, regueifeira e auténtica enciclopedia do saber popular, e da que André ten publicado un traballo recollido nunha revista de Xermolos (Coplas de Josefa Cabado). André está pois emparentado directamente coa casa dos Patricios.

Grande descoñecido para moita xente, André da Ponte ten un importante e prolífico traballo desenvolvido no ámbito da tradución e da creación literaria, melómano empedernido e amante da cultura clásica, da que é un estudoso experto, podemos dicir que André ten moito en común co seu amigo e admirado Díaz Castro, en canto a formación, por ser un grande tradutor e coñecedor de numerosas linguas, e un importante poeta.

Casualidade ou destino, André foi casar cunha nativa do Courel, por onde tanto ten camiñado Pedro O Trapeiro co seu burro e desas terras ten recuperado para os galegos a figura lendaria do Nadal: O Apalpador. Un traballo de investigación publicado na páxina oficial de AGAL no 2008 e completado no 2011 na publicación “Teoría de inverno, Os presentes do Apalpador” da Gentalha do Pichel. Sempre humilde, André rexeita méritos e concede estes “ao povo que foi onde nasceu e a onde tem de retornar”, limitando o seu traballo a “un labor de dálo á luz, investigar sobre ele e máis nada”...

André, amigo persoal e admirador de José María Díaz Castro e Manuel María, dos que ten grande coñecemento e numerosas experiencias, é tamén un grande poeta que se ten sumado ao colectivo NPG Nova Poesía Guitirica e conta con dous poemarios publicados: “Onde o vento leva un sonho de carpaÇas” (A.C. Rosalía de Castro. Bilbao, 1990) e “Rimas de Frei Bento do Santo Nome de Santo Alberte” (Xermolos. A Coruña, 2016). Recolleu tamén as obras poéticas completas de varios autores chairegos e galegos pouco coñecidos como José María Chao Ledo, entre eles. A súa creación literaria, sen embargo, é máis cuantiosa en formato dixital en portais portugueses, brasileiros e ultimamente tamén en Galiza. Descoñecida no país pero non menos importante é a súa faceta de tradutor deimportante é a súa faceta de tradutor de autores de pensamento marxista con innumerables publicacións en portugués e algunha delas ao español (máis de corenta publicacións). Tradutor tamén de poesía palestina, anda agora enredado nunha tradución dos poetas malditos franceses (Baudelaire, Verlaine, Rimbaud…), conxuntamente co poeta brasileiro Ángelo Luís Ferreira que será publicado no Brasil. Está para publicar tamén o poema épico Vladimir Ilich Lenine de Vladimir Maiakovski traducido do ruso ao galego-portugués en edición bilingüe e outra do poeta arcaico grego Anacreonte directamente do jónico-eolio ao galego-portugués tamén en edición bilingüe, ámbalas dúas serán as primeiras traducións destes poetas ao noso idioma. O seu traballo non remata aí, senón que traballa tamén nun novo libro que chamará “Elegías de Parga” con versos ao xeito greco-latino que agardamos desfrutar axiña.

Os Vilares pode presumir, pois, de ter entre os seus fillos a un sabio, un grande intelectual, tradutor, investigador, poeta, ensaísta, nacido na Ponte e que leva o nome da parroquia cos seus estudos, traducións e publicacións polo mundo lusófono dos cinco continentes, un veciño que algún día debe ter na casa, por xustiza, o recoñecemento que lle dan fóra, a este vilarego erudito que reside en Alcalá de Henares pero que ten o corazón e o pensamento na súa parroquia dos Vilares, que visita sempre que ten oportunidade.

<i>*Texto de Pas Veres.</i>