Manuel Rivas Barrós


Categoría: Xornalista, poeta e narrador
Data de Nacemento: 24 de outubro de 1957
Lugar de Nacemento: A Coruña

Real Academia Galega
 Currículum

Manuel Rivas Barrós ten o mester de escribir. Dende moi novo, con quince anos, comezou a traballar na prensa como meritorio no Ideal Gallego. É licenciado en Ciencias da Información pola Universidade Complutense de Madrid. Ingresou na Real Academia Galega o 12 de decembro de 2009.

 Obras realizadas

Parte da súa obra xornalística está recollida en libros como Galicia, bonsai atlántico, Toxos e Flores, El periodismo es un cuento, Muller no baño, Galicia, Galicia, Unha espía no reino de Galicia, Os Grouchos, A corpo aberto (Unha ollada ‘indie’ dende o local universal) e Episodios Galegos.

Como narrador, entre outras obras, publicou os libros de relatos Un millón de vacas (Premio da Crítica española), Que me queres, amor? (Premio Nacional de Narrativa 1996).

Entre as súas novelas, En salvaxe compaña (Premio da Crítica galega), O lapis do carpinteiro (Premio da Crítica española) e Os libros arden mal (premio da Crítica galega e española, premio dos editores Ánxel Casal, premio da Asociación de Escritores en Lingua Galega, e Libro do Ano 2006 da Feira do Libro de Madrid). A súa última novela publicada leva por título Todo é silencio (en 2010, premio da Asociación de Escritores e finalista premio Hammett de novela negra).

Unha mostra da súa poesía son as antoloxías O pobo da noite (1997) e Do descoñecido ao descoñecido (2003). O seu último libro de poemas é A desaparición da neve (2009), publicado en edición plurilingüe (galego, castelán, éuscaro e catalán). No eido da creación dramática publicou o texto teatral O heroe (2005), levado á escena pola compañía Sarabela.

En 2001 foi premio de narrativa Arcebispo Xoán de San Clemente. Ese mesmo ano foi premio 50 Aniversario da Sección Belga de Amnistía Internacional.

En 2007 foi premio Lousada Diéguez á Creación literaria.

En 2009 foi elixido membro da Real Academia Galega. Ese mesmo ano leu o seu discurso de ingreso co título A boca da literatura (Memoria, ecoloxía, lingua).

Polo seu labor xornalística, recibiu os premios Fernández Latorre (concedido por La Voz de Galicia), Puro de Cora (de El Progreso) e o premio Fernández del Riego. En 2011 foi premio da fundación Luís Tilve, polo seu labor a prol de causas de interese social.

 

Texto extraído da web da Real Academia Galega www.realacademiagalega.org