Profesora Titular de Gramática Alemá da USC dende 2008, Mª José Domínguez Vázquez foi a primeira doutora europea en Filoloxía Alemá de Galicia e Premio Extraordinario de Doutoramento.
Membro do grupo de investigación ‘Textos e contextos alemáns: sincronía e diacronía (Humboldt)’ da USC - que actualmente desenvolve cinco proxectos competitivos-, lidera un proxecto sobre a elaboración dun corpus bilingüe informatizado e dun dicionario en liña para español e alemán financiado pola Xunta de Galicia e participa noutros nacionais e internacionais.
En outubro de 2011 a Fundación Alexander von Humboldt concédelle unha bolsa de investigación en recoñecemento á súa meritoria traxectoria. A rigorosidade destes premios, que concede un comité composto por membros de todas as áreas disciplinares, queda de manifesto nun dato revelador: ata o momento 41 beneficiarios das súas bolsas recibiron o Premio Nobel.
O proxecto de investigación premiado nesta convocatoria versa sobre gramática contrastiva español-alemán, un ámbito no que, xunto coa lexicografía e a teoría de valencias, María José Domínguez Vázquez é especialista e no que ten publicado numerosas monografías, capítulos e artigos en revistas de impacto internacional.
María José Domínguez coordina ademais o Máster Europeo en Lexicografía Teórica e Práctica que promove un consorcio internacional de 15 universidades e centros de investigación europeos, americanos e africanos.