Estudiou o Bacharelato no Colexio dos Maristas da Coruña. Máis tarde estudiou Arte Dramático na Real Escola Superior de Arte Dramático de Madrid, onde compartiu aulas con Josema Yuste e Millán Salcedo (Martes y Trece), Verónica Forqué, etc. É, ademais, procurador dos tribunais, aínda que non exerce, e especialista en Xestión e Dirección Comercial de Empresas pola Universidade de Santiago de Compostela. Descobre a radio, en Radio Madrid (SER) no ano 1974, mentres intervén como actor nunha radionovela. Este feito marca o seu futuro ata o punto de que en 1979 se traslada a Lugo e comeza a traballar como locutor en Radio Lugo. A mediados dos anos 80 outro coñecido lucense, Manolo Lombao, director do Centro Rexional de TVE en Galicia, dálle a oportunidade de presentar o magazine "Telegalicia", programa co que se dá a coñecer ós galegos. A partir de aí, a súa carreira veu marcada polo éxito en diversos programas da TVG (entre os anos 1996 e 1997), entre os que destacamos "Viva o domingo", "Arestora", "Que foi de...", "De viva voz", "Galeguidade", etc. En TVE Internacional, en emisións para Europa e América, presenta en 1990 "Mar a mar", un musical de gran éxito, especialmente en Sudamérica. Antes dirixiu e presentou en RNE-4, para Galicia, o magazine da mañá "Hoxe en día", que significou o seu retorno ó mundo da radio. En 1991 fundou as emisoras de Radio Principal, S.A. (unha en Monforte de Lemos e outra en Vilalba), que actualmente están afiliadas á Cadena SER, aínda que manteñen a súa identidade na programación local, tendo como característica máis salientable a utilización da lingua galega. En 1995 fundou TV7 Sur, unha televisión que actualmente cobre o sur da provincia de Lugo, con especial acento informativo ás comarcas de Monforte e Sarria.
Entre os premios que conseguiu destacan: Premio Tertulia de RNE ó mellor programa de Tv (1987) por "Telegalicia"; premio TP ó mellor presentador galego de televisión (1988); premio TP ó mellor programa (1989) por "Arestora"; premio TP ó mellor presentador galego de televisión (1989); premio TP nacional á creatividade ( 1989) polo moneco animado "Pupo" e premio Anduriña polo programa "Galeguidade" (1995) outorgado pola Federación de Casas de Galicia de California (EUA).