É licenciada en Ciencias da Educación pola Universidade de Barcelona e diplomada en Psicoloxía na Escola de Psicoloxía de Madrid. A súa formación profesional complétase coa especialidade en Educación Infantil e Educación de Adultos. Ademais de profesora en Madrid e Lugo, desempeñou o cargo de inspectora xefe e delegada provincial da Consellería de Educación en Lugo. Membro do Comité Provincial do PP de Lugo e do Comité Rexional do PPdeG, foi elixida deputada autonómica en 1990, actuando como portavoz da Comisión de Política Social e Emprego e defendeu, entre outras, a Lei de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller e a Lei de Educación de Adultos. Foi portavoz de Traballo e Servicios Sociais (1990-1993) e da Comisión de Seguimento do Plan de Financiamento da Universidade. Desde 1993 foi conselleira de "Familia, Muller e Xuventude", sumándose en 1997 as competencias en Promoción do Emprego. A creación desta consellería significou o nacemento dunha entidade política nova coa que a Xunta de Galicia quixo dar resposta de forma integral ós problemas e demandas das familias galegas. Así mesmo, este departamento harmonizou os distintos programas dirixidos á protección da infancia; levou a cabo a coordinación das diferentes iniciativas dirixidas a promove-la igualdade de oportunidades das mulleres e, no ámbito da xuventude, iniciou unha política transversal que pretende dar resposta ás necesidades e expectativas dos mozos galegos. Baixo o seu mandato aprobouse a Lei galega da familia, infancia e adolescencia, puxéronse en marcha o I, II e III Plan Integral de Apoio á Familia, así como o II e III Plan de igualdade de oportunidades das mulleres galegas e o Plan de Acción Xove. En materia de emprego, o seu departamento negociou co goberno central a transferencia das políticas activas de emprego a Galicia, primeira comunidade autónoma en asumir ditas competencias xunto con Cataluña. Como consecuencia destas transferencias, en xaneiro de 1998 créase o Servicio Público Galego de Emprego. Neste marco cabe destaca-la participación activa da Conselleira para alcanza-los I e II Acordos sobre medidas para o crecemento e o emprego en Galicia (Plan de crecemento e emprego), que foron firmados coa Confederación de Empresarios de Galicia e os sindicatos UXT e CC.OO. Coordinou un Plan de Revitalización Demográfica co que o Goberno galego pretendía dar resposta ó descenso da natalidade e afrontar de forma programada os cambios socioeconómicos ós que se enfrontará a comunidade galega. Na actualidade é Inspectora de Educación e Deputada no Parlamento de Galicia.
Obtivo a Medalla Castelao 2012.
Está casada con Antonio Calvo Varela e ten tres fillas.