Trala súa primeira aparición como cantautor en Lugo en 1972, continuou como cantautor en Barcelona desde 1977, levando a cabo actuacións en centros galegos, casas de cultura, concellos, festas e festivais de Barcelona e de Galicia. Actuou ó lado de Andrés Dobarro, Fuxan Os Ventos e Ana Kiro. Formou parte de PETAPOUCO en 1979 e en 1985 fundou o dúo LEMBRANZAS con Mariano Alonso. Foi o fundador do grupo folk ZOA do Centro Galego de Barcelona en 1998 e cofundador do grupo tradicional RAXANALO (EE.UU) en 1999.
Editou os seguintes discos: PETAPOUCO (1979), DIÁSPORA (1999) e DIÁSPORA II (2003). Musicou a maioría dos poemas do poeta lucense Manuel Rodríguez López, así como poemas dos poetas máis significativos galegos, casteláns e cataláns. Na actualidade é un cantautor trilingüe e orientou o seu repertorio a temas de diversidade cultural hispana.
O seu proxecto inmediato é o de editar un disco trilingüe con letras dos mellores poetas galegos, casteláns e cataláns.