Foi director do Instituto Nacional de Administración Pública. É doutor en Dereito e catedrático de Dereito Administrativo. Foi deputado nacional pola provincia da Coruña na VII lexislatura, subsecretario das Administracións Públicas, director da Escola Galega de Administración Pública, director do Instituto Canario de Administración Pública e director da "Revista Galega de Administración Pública". É presidente da Fundación Instituto Iberoamericano de Administración Pública, presidente do consello de redacción de Documentación Administrativa, presidente da revista "Xestión e Análise de Políticas Públicas", vicepresidente do Centro Europeo para a formación de estatísticos nos países en desenvolvemento, vocal do Consello Científico do Instituto Europeo de Administración Pública, vocal do padroado da Fundación Iberoamericana de Goberno e Política Pública, vocal do consello directivo do Centro Latinoamericano de Administración para o Desenvolvemento, vocal do consello de Administración do Instituto Internacional de Ciencias Administrativas, vocal do Comité Científico da Organización Iberoamericana de Cooperación Intermunicipal. É tamén presidente do Fórum de Galicia de Estudios Sociais.
É autor de libros sobre Dereito Público e Ciencias Políticas, entre os que destacan: A suspensión do acto administrativo; Principios de Ética Pública; A Administración Única no marco constitucional; Comunitarismo, ética e solidariedade; ¿Por qué el centro?: hacia la libertad solidaria ou Nuevas claves del estado del bienestar. É colaborador de diversos medios de comunicación de ámbito galego e nacional.
Foi galardoado co premio 'Decano Zárate y Penichez' do Colexio de Avogados de Santa Cruz de Tenerife e co premio 'Decano Raimundo d'Adabal' do Colexio de Avogados de Barcelona. En 2003, o Goberno español distinguiuno coa 'Gran Cruz de Isabel la Católica'.