Realizou os seus estudios no seu pobo natal e en Lugo, trasladándose logo a Madrid e a Bilbao. En 1979 regresa a Galicia, instalándose na Coruña. Tras unha curta experiencia na editorial Marín, intégrase en Carroggio. Ante a negativa da empresa a editar unha gran obra galega, funda Hércules Edicións. Mentres comercializa outras obras galegas, vaille dando forma ó "Proxecto Galicia". Pouco a pouco un grupo de profesores universitarios vaise reunindo ó seu redor para participar nunha obra de recompilación da cultura galega: Historia, Arte, Xeografía, Cartografía, Antropoloxía, Literatura, Natureza, Dereito, Economía, etc., editada en galego e en castelán. Co apoio de intelectuais e humanistas como Filgueira Valverde, García Sabell, Precedo Ledo, Darío Villanueva,... crea a Fundación "Francisco Rodríguez Iglesias", destinada ó fomento da arte e da cultura autóctonas.
O "Proxecto Galicia" está sendo apoiado por unha liña editorial de numerosas coleccións que teñen en común o seu enraizamento na cultura galega como Galicia Cuatro Estaciones, Sempre no camiño, Galicia para soñar e Guías Gallegas. Está desenvolvendo un Programa de Educación Integral en 65 tomos (15 xa publicados) que, baixo a denominación Titor Hércules: do Berce á Universidade (en galego e castelán), é a máis completa axuda educativa publicada en España para pais, profesores e alumnos. A estas iniciativas súmanse as levadas a cabo no resto de España, con coleccións como Guías e cidades de España ou Álbumes gráficos, dos que están previstos 400 tomos, algúns xa editados.
Creou unha nova editorial en Andalucía, co nome de "Publicaciones Comunitarias", que está a piques de publica-los primeiros tomos dun novo proxecto empresarial nesta comunidade, que estará formado por 100 volumes de gran formato. Os primeiros 10 están dedicados a estudia-la Antropoloxía Andaluza e neles están a traballar ó redor de 100 profesores e especialistas na materia.