Formouse en Belas Artes no Conservatorio Nacional e o Instituto Superior de Arte do Teatro Colón, como escenógrafa e caracterizadora. Licenciada en educación e dirección escolar na área especial, soubo empregar as artes como a estratexia perfecta para a aprendizaxe.
As súas raíces atópanse nos emigrantes galegos, e sempre estivo interesada por coñecer o fenómeno social e histórico do colectivo. Escribiu artigos xornalísticos e de reflexión en diarios e revistas, e o primeiro Boletín bilingüe semanal da Colectividad Gallega, emitido pola Agencia EFE. No ámbito musical recompilou cantares de emigrantes que divulgou en diferentes ámbitos culturais arxentinos e galegos, salas de concertos e exposicións, teatros, radios e televisión aberta. O seu primeiro disco titulouse “Cantares gallegos”, e foi editado en 1979 polo Centro Lucense. Contiña un conxunto de cancións de emigrados, e como forma de valorar e ubicar a lingua galega no amplo mundo de idiomas universais, acolleu o primeiro tango traducido ao galego, “O día que me quieras” de Gardel e LePera.
No ano 1981 foi bolseira da Fundación Pedro Barrié de la Maza, co obxecto de participar e colaborar co desenvolvemento dos nacentes programas de Educación Especial na rexión, e para tomar contacto directo co rexurdimento do folclore e a nova canción galega.
Á súa volta a Buenos Aires, grava un novo disco, chamado “Campanas de Bastabales”, con temas do folclore e música de autor. A lingua galega volve unirse coa de Buenos Aires, e traduce algúns tangos clásicos que quedan rexistrados nun novo disco: “En las orillas del Plata”, reeditado pola Dirección de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
É integrante do Coro do Centro Gallego dende a súa fundación en 1974, e participa na vida institucional como representante de socios. É membro honorario do Instituto Argentino de Cultura Gallega e membro da Comisión de Cultura y Prensa do Centro Galicia. Escribiu varios guións de documentais educativos sobre a emigración galega, que foron editados en DVD e gravou un disco máis: Terra meiga, coa primeira versión do Himno Galego para voz feminina e solista, algúns temas folk e outros da súa autoría. Foi no ano 1994 cando impulsou a creación do Grupo Vocal Infantil “Os gromos”, integrado por netos de galegos, e logo se encargou da dirección do mesmo. Compuxo algunha canción con temática galego-porteña, ata a presentación do seu primeiro disco, en 1997, co nome de “El futuro está en las raíces”, patrocinado e editado pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia. Esa actividade promoveu a creación da Asociación Cultural Gallega Os gromos, que desenvolve actividades culturais para a integración e extensión cultural para os máis pequenos.
No seu ámbito de compositora, podemos atopar a musicalización de “Poetas gallegos del siglo XX” para o ciclo literario da escritora Julieta Gómez Paz, dos poetas alófonos Federico García Lorca e Jorge Bosco, e unha breve antoloxía de Rosalía de Castro, gravada tamén coa actriz Maruja Villanueva no CD “Bos Amores”.
Na actualidade reside en Buenos Aires, onde dirixe a coral Os rumosos, do Centro Betanzos, que combina coa súa docencia na educación pública.