Logo de facer o bacharelato na súa cidade natal, cursou a carreira de Ciencias Químicas na Universidade de Salamanca, que iniciou en 1902, e doutorouse na de Madrid con matrícula de honra en todas as materias e premio extraordinario. En Salamanca foi bolseiro do Colexio Maior de Santiago e da Fundación Santiago Apóstolo, tamén da universidade salmantina, que o becou en 1907 para completar os seus estudos no Instituto Pasteur de París. Despois de doutorarse foi pensionado en 1912 para traballar co profesor Schmidlin no Instituto Politécnico de Zürich. En 1914 gañou a cátedra de Química Orgánica da Facultade de Ciencias da Universidade de Granada, na que pasou o resto da súa vida dedicado á docencia e á investigación, na que chegou ser unha institución científica. Presidiu a sección local da Real Sociedad Española de Física y Química, representou ao distrito de Granada no Centro Superior de Investigacións Científicas, foi decano e propulsor-creador da Facultade de Ciencias de Granada e tamén lle dedicou moitas horas ao empeño de descubrir o impacto que a ciencia xera na sociedade.
A primeira publicación do doutor Gonzalo Gallas, probablemente a continuación da súa tese de doutoramento, asinouna en Salamanca e publicouna en 1914 nos Anales de Química, agradecendo a axuda ao seu mestre Schmidlin, ao que lle recoñecía ser o iniciador do traballo. Estudou a síntese dos derivados de fluoreno e do bifenileteno, pola importancia industrial que tiñan os colorantes que derivaban deles. O traballo realizouse en Salamanca nunhas condicións moi precarias xa que non podía analizar «C» e «H» por carecer de forno de combustión, e só puido ofrecer a análise do «N» polo método de Kjeldah, que revaloriza o mérito do traballo e acredita a súa vocación investigadora.
O seu posterior traballo de investigación na Universidade de Granada foi moi arrítmico. Na súa vida académica publicou 11 traballos, máis outros 3 asinados en solitario polo Dr. E. Navarro, no ano 1926, pero nos que o autor recoñece a inspiración e a axuda material e intelectual do profesor Gallas. Toda a súa obra está publicada en castelán nos Anales de Química, agás o primeiro traballo, que se publicou tamén no Journal Chernical Society, en 1914. As liñas de investigación que cultivous foron: sobre xantoxenatos como reactivos de aldehidos e algúns derivados nitrados e nitrosados, con E. Navarro, (3 traballos, ano 1.926); sínteses de policetonas utilizando carbonilos metálicos actuando sobre derivados haloxenados con átomos de halóxeno lábiles, con A. Alonso (3 traballos nos anos 29 e 30); con Xosé María Montañés del Olmo investigou sobre derivados do Pineno (1 traballo en 1930); oxidación de nitrobencilaminas con V. Martín Vivaldi e P. Moreno (1 traballo en 1931); condensación de naftilamina con derivados oxálicos, con G. Bermúdez (1937); sobre os produtos de reacción do óxido de mesitilo con desemellantes aminas, para tratar de obter compostos en función mixta con posibles aplicacións farmacolóxicas, en colaboración con Francisco García González (1932); a súa derradeira investigación realizouna en colaboración con Manuel de la Morena sobre a formación, reactividade e utilidade de derivados de nitrilo (3 traballos nos anos 1954 e 1955).
Os traballos de investigación publicados son, polo xeral, memorias amplísimas que parecen corresponder aos resumes das teses de doutoramento que presentaban os alumnos. Así, o traballo publicado co profesor Montañés, sobre derivados de pineno, constitúe un completísimo estudio de 50 páxinas.
Desde a súa cátedra, antes da guerra, o profesor Gallas creou unha importante escola de investigadores. Moitos deles foron profesores da Universidade española nas décadas dos 40 e 50, destacando con luz propia os profesores Francisco García González na Universidade de Sevilla e Xosé María Montañés del Olmo na Facultade de Farmacia da Universidade de Santiago.
A partir de 1931, a raíz do seu nomeamento como Decano, rexeu durante máis de 20 anos os destinos da Facultade de Ciencias granadina, que culminou coa construción dunha nova Facultade de Ciencias, polo que no acto inaugural lle foi imposta a medalla de Alfonso X o Sabio.
Bibliografía:
Fontes impresas:
Gonzalo Galias Novas foi autor de 14 traballos de investigación, publicados todos en Anales de Química, e un deles, o primeiro, no Journal Chemical Society. Ademais, realizou informes toxicolóxicos e ditou numerosas conferencias sobre o tema ciencia e sociedade.
Bibliografía secundaria:
Chemical Abstrat. Anos 1914-1956.
GALLAS NOVAS, Gonzalo (1918): Discurso leído en la solemne inauguración del curso académico de 1918 a 1919, Granada: Tipografía Guevara.
LORA TAMAYO, M. (1981), La investigación Química Española, Madrid.
VILANOVA R0DRÍGUEZ, A. (s. d.): Gallas Novas, Gonzalo, Gran Enciclopedia Gallega, T. XV.
Información extraída da web http://consellodacultura.gal/
Autoría de: Manuel R. Bermejo Patiño e Xosé Ramón Fandiño.