
CurrículumAfectado por unha grave doenza, estudou o Bacharelato en Lugo para de seguida volver á súa aldea natal, onde residiu na casa paterna e se dedicou unicamente á literatura. Mais a pesar da súa invalidez non estivo recluído e foron frecuentes as súas saídas na amorosa compañía dos seus pais ou da súa irmá Irene, que con frecuencia lle serviu de rapsodo para os seus poemas, moitas veces premiados e de cotío presentes en recitais.
Obras realizadasO seu primeiro libro, prologado por Xesús Alonso Montero, foi Pra vós (1971). Logo saíron Encontro cos tiburós (1973), Orfo de ti en terra adentro (1976), Poeta muiñeiro á deriva (1983), Nos eidos da bremanza (1990, Premio Galicia da Crítica) e Pastora de sorrisos (1993).
Na poesía de Fiz Vergara hai que distinguir dúas etapas, articuladas ó redor do libro "Orfo de ti en terra adentro". Na primeira, Vergara é un poeta inmaturo, cheo iso si de forza, pero bastante inexperto na técnica literaria, de xeito que moitos dos seus poemas quedan falidos. Pero xa "Poeta muiñeiro á deriva" mostra claramente o que se podía esperar del, o cal queda perfectamente confirmado nese grande, fermoso, terrible libro que é "Nos eidos da bremanza". A poesía de Fiz Vergara é áspera e docísima, xentil e arrepiante, e nela brillan as palabras máis gastadas coma se acabasen de ser inventadas para a ocasión. Con razón se ten afirmado que Fiz Vergara Vilariño foi un dos mellores poetas do que se deu en chamar, indebidamente ó noso xuízo porque en realidade non hai tal, o grupo dos novísimos. Fiz Vergara Vilariño morreu en Lóuzara o 18 de xullo de 1997.
Outros datos de intereseFiz Vergara foi galardoado co Premio Chao Ledo en tres ocasións, co Meigas e Trasgos en sete ocasións, co Begonte en dez ocasións e co Premio da Crítica.