Cando tiña un ano trasladouse coa súa nai a Cuba, onde xa estaba o seu pai. Despois dun ano, a súa nai tróuxoo de volta a Galicia debido ós problemas que tiña co clima da illa. A súa nai regresou a Cuba e non volveron a Galicia ata finalizada a Segunda Guerra Mundial. A súa infancia foi a dun neno labrego que non pasou fame nos anos negros e aprobou por libre o segundo curso de bacharelato. Finalizada a guerra mundial regresa o seu pai. Dous meses despois da súa morte por tuberculose, Antón marcha a Bos Aires, onde comeza a súa vida política. En 1953 funda as ‘Mocedades Galeguistas’ xunto con Vidal Pérez Graña, Neira Vilas, Carlos e Tito Abraira, Pilara Jeremias, as fillas do bibliotecario do Centro Galego, Clotilde Iglesias a filla de ‘Tacholas’ e moitos máis que se consideraban herdeiros da Federación das ‘Mocedades Galeguistas’, que truncara a Guerra Civil. Desempeñou varios cargos de responsabilidade ata ser o secretario xeral. Cunha clara conciencia galeguista contacta co que quedaba do vello Partido Galeguista, así como cos mozos da súa xeración, que en 1962 elixiríano secretario xeral do que logo se chamou ‘Consello da Mocedade’. Matriculouse na Universidade de Santiago, na que se licenciou con grado de ‘Senior’ e preparou un traballo para conseguir o título ‘Excelsor’. A xuventude rendeulle varias homenaxes tanto en Castro como en Santiago e continúa en activo presidindo a asociación ‘Gaiola’ e dirixindo ‘Gaiola Aberta’. Solicitou a afiliación ó Partido Galeguista, cuxa executiva nacional acordou impoñerlle a insignia de ouro do partido.
En outubro de 2007, o colectivo cultural OLLOMAO de Barreiros (Lugo) rendeulle unha homenaxe na súa vila natal de San Miguel de Reinante.