Fernando Pérez - Barreiro Nolla


Categoría: Tradutor
Data de Nacemento: En 1931 (†2010)
Lugar de Nacemento: Ferrol (A Coruña)
 Currículum

Fernando Pérez-Barreiro Nolla foi un intelectual prolífico e polifacético que viviu Galicia en Inglaterra durante moitos anos. Pioneiro como tradutor ao galego (en 1972 publicou a primeira versión nesta lingua dunha obra de teatro de Shakespeare, Macbeth, e da súa autoría tamén son as primeiras traducións directas do chinés ao galego), coñecedor de once idiomas e experto na política internacional, Pérez Barreiro tivo unha importancia capital na proxección exterior da cultura galega desde o Reino Unido.

 Obras realizadas

No Reino Unido, traballaría primeiro nos servizos exteriores da BBC para España e despois nos servizos de tradución da Organización Internacional do Café (OIC), así como noutras organizacións internacionais, labor que completaría coa docencia en tradución en diversas universidades durante a década dos noventa.

Desde Inglaterra tamén levou a cabo unha importante difusión internacional da cultura, da economía e da sociedade galegas, co obxectivo de dálas a coñecer fóra das súas fronteiras. Ao mesmo tempo, procurou importar a Galicia as principais liñas de pensamento do momento no ámbito da economía, da socioloxía ou da política, por considerar necesario que a súa terra tamén dialogase e coñecese as correntes teóricas que se estaban desenvolvendo en Europa.

 Outros datos de interese

O 13 de outubro de 2011 presentouse Homenaxe a Fernando Pérez-Barreiro Nolla (19º volume da Colección Cadernos Ramón Piñeiro) na Fundación Novacaixagalicia de Ferrol. Este volume expón o traballo realizado por Pérez-Barreiro, a través dunha detallada cronobiografía, dunha bibliografía e dunha hemerografía. A obra tamén inclúe toda a correspondencia que o ferrolán mantivo con Ramón Piñeiro durante máis de dúas décadas, así como diversos artigos xornalísticos publicados por Pérez-Barreiro en medios como A Nosa Terra, Tempo Exterior ou Diario de Ferrol.

A publicación tamén conta con diversos testemuños de amigos e coñecidos do intelectual, entre os que se inclúen, ademais do da súa dona Teresa Barro, os de Eduard Punset, Miguel Carlos Vidal, Camiño Noia, Nicolás Vidal, Francisco Xosé Fernández Naval, Xosé Luís Franco Grande e Xulio Ríos. Un texto inédito titulado “A oportunidade histórica concreta do espírito galego” completa a obra.