Nace en Palas de Rei, e alí estudou a EXB. O ensino secundario cúrsao entre Ponteareas, Zamora e Santiago de Compostela; onde tamén estuda Filoloxía Clásica e obtén a licenciatura en 1990. Así mesmo, entre os anos 1993 e 1996 estuda Teoloxía para Segrares no Instituto Teolóxico Compostelán.
Profesor de Grego no Seminario Menor da Asunción en Santiago entre os anos 1991 e 1996, e de Latín e Grego no Instituto Teolóxico Compostelán entre 1994 e 1996. No ano 1994 comeza a súa dedicación ao ensino público en numerosos institutos de Galiza. Actualmente exerce como profesor de Latín e Grego no IES do Camiño de Palas de Rei dende hai once anos.
Como afeccionado á poesía ten publicado nos anos noventa algún poema nas desaparecidas revistas Garabanzo Negro e Palacio do Rei; época na que tamén obtén o 1º premio no I Concurso de Poesía A CAPELA, en Vilar de Donas, no 1994. Máis recentemente publicou poemas nos libros colectivos de Roteiro das Artes de Taboada e Chantada no 2016. Así como nos números 19 e 20 da revista Xistral do 2016 e 2017, respectivamente.
No ano 2003 publicou o artigo A CRÓNICA do bispo Hidacio na revista Compostellanum. Unha introdución e tradución deste primeiro cronista galego.
Cando no ano 2011 comeza a andadura o roteiro teatral Son d´Aldea, participa na súa organización como guionista, guía e creador de varias das súas escenas ano tras ano.
Colabora co grupo Metátese Teatro de Palas de Rei entre os anos 1992 e 2000 como técnico de luz. Actualmente contribúe como guionista nos Festivais de Teatro Escolar que este grupo de teatro organiza todos os anos en distintos lugares de Galiza.
Tamén como guionista e actor participou na curtametraxe Curuxás no 2016. Curta que mereceu unha Mención do xurado no Festival de Curtas OUFF Escola de Ourense.
En febreiro de 2018, participa como actor na rodaxe de 'Longa Noite', nova película do director Eloy Enciso Cachafeiro, director de 'Arraianos'.