O ourensán Justo Calviño Cruz naceu no concello de Toén, no ano 1960; sendo dende neno veciño de San Lourenzo de Piñor, no concello de Barbadás.
É funcionario da Tesourería Xeral da Seguridade Social en Ourense, presidente da Asociación Música e Cultura de Galicia, dende a súa fundación en 1996; así como coordinador e redactor da Revista Fervenza da Cultura.
Foi socio fundador, en 1986, da Asociación de Veciños de San Lourenzo de Piñor e presidente desa entidade dende 1990; tamén foi, dende 1991, socio fundador e presidente da Asociación Cultural Frouma; e vicepresidente xestor do Padroado da Banda e Escola de música de Barbadás, dende a súa fundación en 1996, pasando no ano 2004 a ocupar o cargo de presidente desa entidade.
En 1991 foi elixido concelleiro da Corporación Municipal de Barbadás, para xa na súa segunda lexislatura, ser designado, en 1995, tenente alcalde e concelleiro de Cultura e Protección Civil dese Concello.
En 1996, foi designado vocal da Comisión de Educación da Federación Galega de Municipios e Provincias.
Nese mesmo 1996, foi nomeado vocal da Comisión de Educación e Cultura da Federación Española de Municipios e Provincias.
No ano 2000 fundou a sociedade Cultura e Desenvolvemento Social, na que exerceu como xerente.
En 2003, foi elixido directivo da Federación Galega de Bandas de Música Populares.
En 2004, foi designado secretario xestor da Asociación As Viñas de San Cibrao da Música.
Do ano 2005 ao 2007 colaborou nos xornais “La Voz de Galicia” e “La Región”, con diversos artigos de índole política, social e cultural.
Recentemente, a Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro outórgalle un dos Premios COGAVE 2024, entregado, o 3 de novembro, no Círculo das Artes de Lugo.
No seu labor como escritor:
-Foi finalista do Premio de Poesía Cidade de Ourense, en 1984, coa obra “Borboriños”.
-En 1985, foi finalista do Certame de Contos Casa da Xuventude de Ourense.
-En 1990 formou parte da obra “Poesía Galicia, antoloxía 1990”, editada en Ferrol.
-En 1999, o Concello de Barbadás publicoulle “Sanatorio Santo Cristo de Piñor: su relación con el pueblo. Anecdotario en su cincuenta aniversario”.
-No ano 2000, o Concello de Barbadás publicoulle unha “Guía del municipio de Barbadás”.
-En 2001, publicou” Poemas indómitos”, con Cultura e Desenvolvemento Social.
-No ano 2003, a Deputación Provincial de Ourense publicoulle o libro “Barbadás, tradición y modernidad”.
-Tamén no 2003 publicou “Cousas da mala lúa”, con Cultura e Desenvolvemento Social.
-No ano 2008, o seu relato “Después de la tormenta” foi premiado no “XII Certamen de Artes Plásticas, Fotografía y Literatura” da “Federación Española Asociación Funcionarios de la Seguridad Social”.
-No ano 2010, o seu relato “Media tarde en Kismaayo” foi finalista do “I Concurso Europeo de Arte, Literatura e Vídeo (FEAFSS)”.
-É autor do limiar do libro “Certame literario de Piñor: 1992-2010”, publicado pola Deputación Provincial de Ourense, en 2011.
-Dende o 2021, forma parte do equipo de redacción e deseño da revista “Fervenza da Cultura”.
-En 2022, publicou, coa editorial Toxosoutos, o libro de relatos “Os contos do avó”.
-Xa neste 2024, publicou, coa editorial Toxosoutos, a novela “Cuniupuyara”.