Ingresou como novicio no convento dos pais agostiños de Salamanca, onde profesou en 1615. Foi prior de varios conventos da súa orde,chegando a ser cronista de Galicia en 1656 pola Xunta do Reino de Galicia.
A súa primeira obra de historia galega foi Epitome imperial, da que publicou 93 pregos. A súa obra máis importante é Armas, Triunfos y hechos heróicos de los hijos de Galicia (1662), que eloxia os servicios prestados polo Reino de Galicia na guerra con Portugal (1640-68). En 1667 apareceu Nobiliario, Armas y triunfos de Galicia, que era unha ampliación da anterior. Dez anos máis tarde, en 1677, apareceron os dous volumes de El cisne Oriental canta las palmas y triunfos eclesiásticos de Galicia. Tamén escribiu Varones ilustres; Origen y antigüedad de la Casa de Ola.
Foi o primeiro historiador que considerou a Galicia como unha unidade histórica e que tivo clara conciencia da personalidade do seu pobo.