Eduardo emigrou a Arxentina en 1951, de onde regresou en 1983, aínda que seguiu alternando a estancia entre Galicia e Bos Aires durante varios anos. Casou por poderes en 1953 con Carolina Oliveira Pousa e tivo dúas fillas.
OBRA POÉTICA EN GALEGO: ‘Rol de cantárida’ (prólogo de Víctor Campio Pereira), Edicións do Castro, A Coruña, 1997 (poemas escritos entre 1970 e 1995); como membro do Grupo Dolmen (fundado en Ourense en 1991) participou en obras en colaboración editadas por este: con catorce poemas en ‘Sete poetas ourensáns’ (Concello de Ourense, 1992) e con nove en ‘Poesía dos aléns’ (Grupo Dolmen, Ourense, 1993). No número 1 da revista ‘Dolmen’ (Ourense) aparecen catro poemas seus, que tamén están recollidos en ‘Rol de Cantárida’.
OBRA POÉTICA EN CASTELÁN: ‘Tiempo inesperado’, Edición Mastro, Bos Aires, 1975; ‘Subida al mar’, Edición Mastro, Bos Aires, 1976 e ‘Tierra compartida’, Edición Mastro, Bos Aires, 1985. Os tres libros foron ilustrados polo poeta ourensán Xosé Conde ‘Barqueiro’. Tamén colaborou nas publicacións ‘Propósitos’, ‘Alberdi e Galicia’ (de Bos Aires), en ‘Diario de Filgueira’, na revista ‘Cadernos do Támega’ (de Portugal), en ‘Dorna’ (Santiago), en ‘Teresinka’ (revista publicada nos Estados Unidos)… Ademais, participou en programas radiofónicos como ‘Recordando a Galicia’ (dirixido por Alfredo Aróstegui e Maruxa Boga) e ‘Palabra invicta’ (en Radio Nacional de Bos Aires).