Dino Pacio Lindín


Pseudónimo:Dino de Ximil
Categoría: Profesor
Data de Nacemento: 18 de novembro de 1934
Lugar de Nacemento: Ximil, Pastoriza (Lugo)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto
 Currículum

Foi profesor universitario nas universidades de Rochester, Fordham, Universidade da Cidade de Nova Iorque (CUNY) e na Universidade do Estado de Nova Iorque (SUNY).
Foi o fundador e director de programas culturais, sociais e educativos. É conferenciante en galego, español, inglés, italiano, francés, alemán e portugués.
É un defensor dos dereitos dos inmigrantes e promotor do galego como lingua oficial e lingua de seu.
Creou a teoría "Sociolingüística histórica", base de tres temas universitarios: "O galego, o inglés e o alemán, linguas indoeuropeas", ‘ingles universitario para latinos’, ‘English, a highly hybrid language’. Anima a investigación sobre "Paleohidronimia galega".

 Obras realizadas

É autor de libros e artigos en galego, español e inglés: publicou Terra Humida, Juventud Radical, Biliterate Immigrants-Making Way in Lower Manhattan.

Fundou a 'Escola nos Apartamentos', 'Solidarida’ Humana', a Universidade do Barrio e a Casa do Pobo.

“Escola nos apartamentos”. Un proxecto solidario fundado en maio de 1971, baseado nun concepto novidoso naquel momento, consistente nun programa formativo de convivencia entre estudantes acomodados da Universidade da cidade de Rochester (Nova Iorque) e inmigrantes marxinais do Lower East Side de Manhattan mediante o cal, o alumnado universitario de Rochester impartía clases nocturnas de inglés ós mozos e mozas dominicanos, durante unha estancia temporal de estudos no Baixo Manhattan e a cambio, estes lles facilitaban hospedaxe gratuíto nos seus apartamentos. Os seus lemas educativos eran “A letra con música entra” e “Todos aprenden, todos ensinan”, e os instrumentos de traballo consistían nunha guitarra e as letras de cancións de, entre outros cantautores, Víctor Jara ou Joan Manuel Serrat cantando a Antonio Machado, quen inspirou un terceiro lema: “Se hace camino al andar/con luz y horizonte a la par”. “Eran tempos de innovación con un profundo sentido da solidaridá, combinado con disciplina e moita dedicación”, como manifestaba o propio Dino Pacio.

“A Escola nos apartamentos” levouse a cabo durante algo máis dun ano cun programa de alfabetización e educación básica, e no verán de 1972 engadiuse un programa técnico en colaboración cun Colexio comunitario da Universidade da Cidade de Nova Iorque (CUNY), que achegou a tecnoloxía necesaria e espazos comunitarios para desenvolver actividades, polo que foron diminuíndo as clases nos apartamentos.

Nos Estados Unidos de América do Norte a lexislación garante o dereito que ten cada inmigrante á alfabetización na súa lingua materna, porque tense demostrado que o uso exclusivo da lingua nativa non garante o éxito. Nese sentido, estábase a intentar dar resposta ás necesidades formativas daquela mocidade hispana que se vía perdida na selva neoiorquina, coa pobreza e o desarraigo cultural ás costas

 

“Solidaridad Humana. Comprehensive Lerning Center”. Pero a CUNY limitaba o período de estudos a dous anos, polo que se decidiu presentalo á Universidade do Estado de Nova Iorque (SUNY) en 1977 co nome que comezaba a uutilizarse xa por ese tempo de “Solidaridad Humana”, definida como “reciprocidá responsable”, e que o autor xustificaba consciente de “vivir xa nunha etapa histórica nova”.

Aquel xerme de institución educativa que naceu como resultado da “Escola nos apartamentos” tiña medrado e acabou por consolidarse como “Solidaridad Humana”, cunha estrutura máis institucional e organizada no nº 107 de Suffolk Street, un edificio de estilo neogótico holandés construído en 1897, que xa acollera un antigo colexio público, cedido agora polo Concello de NY para o proxecto. Nese espazo, a SUNY creou una extensión biligüe en 1977. Alí conta Dino Pacio co apoio dos seus alumnos universitarios como monitores, con profesores e tutores e cun local propio. E en 1983, este educador foi nomeado profesor e director do programa bilingüe de SUNY no Baixo Manhattan.

“Solidaridad Humana” convertírase nunha “organización de servizos humanos e educación comunitaria” para desenvolver un programa de educación bilingüe integral que velaba polos dereitos humanos, culturais e educativos dos inmigrantes e das minorías en xeral radicadas en zonas marxinais do Baixo Manhattan. Neste contorno, o contacto personalizado coa inmigración dominicana, xunto a unha xusta avaliación dos seus coñecementos previos, rachaban co método tradicional e contribuían decisivamente ao éxito da intervención. “Ensinabamoslles nas súas propias casas, na mesa onde comían, no fogar cheo de calor familiar. Ensinabamos e aprendiamos. Queriamos sentir a educación desde dentro do pobo. Nacemos sen fondos, sen respaldo de persoas e institucións importantes. Sen cobrar, sen impoñer. Partiamos da mesma experiencia do pobo emigrante… sabiamos dos seus problemas sociais, dos seus problemas de idiomas, de conservar a cultura para manter a identidade latino-americana e ser ao tempo biculturais... foi un encontro entre traballadores e universitarios”, explicou nalgunha ocasión Dino Pacio.

“Solidaridad Humana” puido manterse durante nove anos sen subvencións públicas. As primeiras chegaron en 1980. En 1981 xa se convertera nun centro de educación de adultos onde se impartían clases desde os niveis máis básicos ata os universitarios no que participaban arredor de 2000 persoas, nomeadamente estudantes inmigrantes procedentes de 12 países, de entre vinte e trinta anos. A fórmula pedagóxica, en certo punto subversiva, partía do principio de que educar é actuar colectivamente para transformaar a conciencia sociocultural do mundo. O apoio da SUNY con fondos estatais permitiu impartir estudos para graos de catro cursos, e así se puido preparar a centos de mestres bilingües de procedencia inmigrante, con destino ás escolas públicas da cidade de Nova Iorque.

Con todo, “Solidaridad Humana”, un programa universitario en colaboración coa SUNY, dirixido por un galego de A Pastoriza, viu con impotencia como coa chegada de Ronald Reagan á presidencia dos Estados Unidos en xaneiro de 1981, e nos primeiros dez días do seu mandato se suprimiron todos os fondos para miles de programas sociais comunitarios, especialmente os bilingües. En maio dese ano estableceuse o programa federal “English only”, pero xamais foi aprobado polo Congreso, facendo un dano irreversible á política social de alfabetización bilingüe para inmigrantes. A pesar dos recortes e da precariedade a partir dese momento, Dino Pacio seguiu exercendo como profesor do programa bilingüe da SUNY ata o ano 2000, data da súa xubilación. Durante ese tempo compatibilizou a dedicación a “Solidaridad Humana” co seu labor como terapeuta na rehabilitación de adictos á heroína e o seu posto de profesor na Universidade.

 

- Premio Nacional de Servicio á Comunidade, outorgado en 1980 pola National Association of Community Colleges.

- Premio Trilingual Authors concedido en 1980.

- Premio Dissemination, concedido en 1981 polo Fondo para a Mellora do Ensino Superior dos Estados Unidos non só para “resaltar os valores educativos de Solidaridad Humana, senón tamén a visión e o xenio educador dos seus directores e en especial de Dino Pacio”.

 

 Outros datos de interese

Colaborou na fundacion da galería de arte "Cuchifritos", no meirande mercado de Loisaida. Escribiu un himno anti-taurino en galego e en inglés. Nil escribiu no 1975: "Debaixo das bretemas / non pastan os touros do xogo da morte / pastan as cuxas do xugo / as cuxas do xugo da vida".

Aínda que está lonxe de Galicia desde o 1 de xullo de 1966, séguese sentindo de aquí.