Fixo o Bacharelato en Lugo. O seu mestre e guieiro na aprendizaxe poética foi Manuel María, que por aqueles anos o recibía a miúdo na súa casa de Monforte de Lemos.
Despois dunha tempada de andar ambulante por toda Galicia vendendo libros galegos, a finais do ano 70 Darío Xohan Cabana empezou a traballar en Vigo nas Edicións Castrelos con Xosé María Álvarez Blázquez, escritor e erudito, con quen botou cinco anos.
Despois voltou a Lugo, onde se dedicou á venda de libros antes de ser liberado pola Central sindical nacionalista.
No 1983 trasladouse a Corcubión, despois de gañar unhas oposicións a garda municipal.
No 1987 entrou, tamén por oposición, a traballar como funcionario do Concello de Lugo, onde traballaba na Concellería de Cultura e Turismo, na que se dedicaba á elaboración de publicacións turísticas.
Era membro da Real Academia Galega dende o ano 2006.
Ata o seu pasamento, publicaba todos os días un encrucillado en galego en La Voz de Galicia.
En 1970 publicou o seu primeiro libro de poemas e no ano 2003, a súa poesía enteira foi publicada nun só volume por Edicións Xerais de Galicia, baixo o título de 'Vinte Cadernos'. A finais dos 80 empezou a publicar tamén narrativa, tanto novelas como libros de relatos, ora para público xeral, ora editados en coleccións infantís ou xuvenís. A súa novela 'Galván en Saor' é un dos libros máis vendidos en toda a historia da literatura galega.
Tamén foi traductor, especialmente de poesía. As súas traducións de clásicos italianos coma Petrarca ou Dante son xeralmente aprezadas. En 1991 foille outorgada a Medalla de Ouro da cidade de Florencia pola súa versión da Divina Comedia. Ademais desta distinción, ten recibido diversos premios de tradución, poesía e narrativa, como por exemplo o Ramón Cabanillas, o Cidade de Lugo de Narrativa, o Cidade de Ourense, o Martín Códax de poesía e o Xerais de Novela.
Notas de prensa sobre o seu pasamento:
La Voz de Galicia, 26/11/21 (1)
La Voz de Galicia, 26/11/21 (2)
La Voz de Galicia, 1/12/21 (1)
La Voz de Galicia, 1/12/21 (2)
Novas do Eixo Atlántico, Decembro 2021