Tras estudiar COU e Peritaxe Mercantil, realizou cursos de teatro, dobraxe e cine. Ademais, iniciou estudios de profesorado mercantil e Filosofía e Letras. Polo que respecta á súa experiencia profesional, ten traballado como administrativo, axente comercial, grafista electrónico en TVG, actor de teatro, cine, TV e dobraxe e director e autor teatral. Ten traducido obras do castelán ó galego e colaborado como divulgador científico, analista político e crítico teatral en diversos programas radiofónicos. Tamén ten impartido numerosas conferencias sobre psicoloxía, historia, ciencia, investigación paracientífica e interdisciplinaria. É, ademais, monitor de cursos de expresión teatral para nenos e de teatro infantil.
Ten publicado numerosos artigos en prensa e revistas especializadas sobre ciencia, política, investigación paracientífica, crítica de cine, poesía, filosofía, artes populares, cultura, relatos curtos, ecoloxía, etc. Foi creador e promotor de proxectos para xerar emprego: Centros Culturais Polivalentes, Centros de Estudios Interdisciplinarios e Complexos Turístico-Industriais e Culturais.
É membro da Asociación de Escritores en Lingua Galega e da Asociación de Actores, Directores e Técnicos de escena de Galicia.