Bernardo Penabade Rei


Categoría: Profesor
Data de Nacemento: 12 de xullo de 1964
Lugar de Nacemento: As Grañas do Sor, Maañón (A Coruña)
Correo electrónico: 
Formulario de contacto

Opinión
 Currículum

Licenciado en Filoloxía Galego-Portuguesa pola Universidade de Santiago, complementou estudos na especialidade de Filoloxía Hispánica. Simultaneamente, mediados os 80, con Luís Poupariña desenvolveu unha intensa actividade na comisión de cultura da Residencia Universitaria ‘Burgo das Nacións’, onde impulsou a convocatoria dun célebre Certame Literario que serviu para descubrir novos valores das nosas letras. Desde 1985 mantivo colaboración artística no sector audiovisual coa empresa Imaxe Galega en traballos encargados pola TVG. Ademais da sincronización e dobraxe de filmes e seriais televisivos, ocupouse da tradución de guións (especialmente de programas destinados ao público infantil). Entre 1997 e 1998 foi colaborador habitual de Volvoreta, o suplemento do xornal El Correo Gallego para a comunidade universitaria de Compostela, publicando noticias de libros e entrevistas a escritores galegos. Tras un breve período de docencia no Colexio Paulo VI da Rua de Valdeorras, foi profesor no Instituto Otero Pedraio de Ourense, en Bueu, Ortigueira e en Viveiro (IES Vilar Ponte, 1990-2003). Desde 2003 está destinado no IES Perdouro de Burela. Ten participado en numerosos congresos con relatorios publicados sobre lingüística, sociolingüística e didáctica. Traballos seus poden lerse na revista Agália, en A Nosa Terra e Novas da Galiza, como tamén nas actas de diversas reunións de carácter científico. Desde 1983 é membro da AGAL, entidade na que colaborou con diversas personalidades relevantes da cultura galega entre elas Ricardo Carvalho Calero, Martinho Montero Santalha, María do Carmo Henríquez e Higínio Martins. Desde 1984 foi integrante do Consello Directivo en diversas ocasións, chegando a ser elixido secretario en 1996. Desde 2001 é o Presidente da AGAL, encabezando un movemento de reorientación do reintegracionismo nun sentido integrador.

 Obras realizadas

Con Araceli Herrero, Ramón Reimunde e Xavier Cordal foi coordinador das ‘Actas do Congresso A. Cunqueiro’ (Edición da Deputación de Lugo, 1993). En colaboración con Marica Campo tivo ao seu coidado escolma e notas do libro ‘Ansias de Vento’, publicación póstuma do poeta Gustavo Adolfo Lois Dosil (1996). En 2002 publicou Lingua e Literatura-3 e Lingua e Literatura-4, manuais curriculares para o segundo ciclo do Ensino Secundario Obrigatorio (Consorcio Editorial). Na revista Agália recóllense os seguintes estudos: ‘Outra voz na procura da emancipaçom nacional: Ricardo Flores’, ‘Educaçom e informaçom objectivas: dous direitos lingüísticos’ e ‘As relaçons transfronteiriças no currículo académico’. No volume ‘Estudos dedicados ao Professor Ricardo Carvalho Calero’ (Ed. da USC / Parlamento Galego) publicou ‘Alguns usos conflitivos da preposiçom ‘a’ nos complexos verbais’. As súas ‘Estratégias para a recuperaçom lingüística no ensino’ viron a luz nas Actas do VII Congreso Internacional da Sociedade Española da Lingua e a Literatura (2003). Para as Edicións O Paporroibo de Ortigueira, coordinou e prologou o volume colectivo (114 autores; 502 páxs.) ‘Deixade que voe o paporroibo, que vos conte contos’ (1999). No xénero da entrevista editou ‘Xavier Alcalá, escritor e primeiro presidente da AGAL’ (Agália, 2002).