Francisco Pillado Mayor


Data de Nacemento: En 1941
Lugar de Nacemento: A Coruña
 Currículum

Realizou estudios de Música, Declamación e Arte Dramático. É graduado social, profesor de EXB e técnico superior en Relacións Industriais pola Universidade de Alcalá de Henares. Fixo crítica literaria en “Radio Nacional” na Coruña e dirixiu o espacio “A escena e a pantalla” en “Radio Coruña EAJ-41”. Publicou, con diferentes pseudónimos, artigos, entrevistas, críticas de libros e espectáculos en La Voz de Galicia. Con posterioridade publicou unha serie de colaboracións no semanario “A Nosa Terra” e no xornal “O Correo Galego”. Foi promotor dos grupos de teatro “O Facho” (1965), “Escola Dramática Galega” (1978), “Luis Seoane” (1980) e “Elsinor Teatro” (1990) e durante varios anos ocupou a presidencia da Escola Dramática Galega e dirixiu o seu departamento de Estudios Teatrais.

 Obras realizadas

É coautor dos seguintes libros: Textos para o ensino do galego, O teatro galego (con M. Lourenzo), Antoloxía do teatro galego (con M. Lourenzo), Diccionario do teatro galego 1671-1985 (con Miguel Anxo Fernán-Vello) e A nación incesante. Conversas con Xosé Manuel Beiras (con Miguel Anxo Fernán-Vello). Outras publicacións: Glosa do teatro galego no libro A nosa literatura. Unha interpretación para hoxe II, Ed. Xistral, 1985, Luis Seoane e o teatro, A Nosa Terra. Extra nº 4, prólogo a O cego de fornelos e outras comedias curtas. Diálogos e monólogos, de Manuel Daniel Varela Buxán, A escola regional de declamaçom, Rev. Agália nº 23, A Fiestra valdeira en el teatro gallego, Rev. Anthropos, O teatro de Manuel Lugrís Freire, Ed. Do Castro, 1991, Cinco aspectos do teatro galego, Biblioteca 114, El Correo Gallego, 1992, Glossa del teatre gallec fins al comencament dels anys setanta en Història del teatre 3, Vito Pandolfi, Barcelona, 1993, O teatro en A poesía e o teatro interseculares, Fascículo 17, AS-PG, A Nosa Terra, 1997 e Fígaro ou a inútil precaución, Espiral Maior, Teatro, 2003. Ademais, é director de “Cadernos da Escola Dramática Galega”, “Cadernos do espectáculo da compañía Luis Seoane”, “Colección Castrodouro-Teatro”, “Colección Arlequín”, da Ed. Sotelo Blanco, “Edicións Laiovento”, “Libros Elsinor Teatro”, “Cadernos de Teatro” e “Revista de teatro Casahamlet”.

 Outros datos de interese

En 1989 conseguiu o Premio da Crítica polo seu labor como director de “Cadernos da Escola Dramática Galega”. Dirixiu para Radio Nacional de España na Coruña a montaxe radiofónica das obras Pancho de Rábade, de Álvaro das Casas e A Arbre, de R. Carvalho Calero. En 1993 recibe o Premio Compostela de Honra polos “Cadernos da Escola Dramática Galega”. En 1996 dona a súa biblioteca-archivo de Teatro á Universidade da Coruña, que pasa a denominarse “Biblioteca Archivo de Teatro Francisco Pillado Mayor”. Nomeado “presidente de honor” da biblioteca, figura, ademais, no Consello Científico dos libros que se promoven desde esa institución.