Manuel Lence Fernández


Categoría: Empresario
Data de Nacemento: - ( † 26 de setembro de 1957)
Lugar de Nacemento: Santiago de Miranda (Lugo)
 Obras realizadas

Esta é a historia dun emprendedor que empezou de nada. Arredor de 1890 e con 14 anos, saíu da súa aldea natal de Santiago de Miranda (Lugo) coa ilusión de facer “as Américas”, pero como non tiña cartos para o billete, decidiu intentalo en Madrid, ata onde chegou andando e axudado por algúns arrieros nalgúns tramos do camiño. En Madrid, encontrou o seu primeiro traballo nunha tafona, onde empezou a servir como recadeiro e rapaz para todo. Durante os primeiros anos, a súa vida estaba na propia tafona, onde nun curruncho dela, sobre os sacos de fariña tiña incluso o lugar onde durmía, e compaxinaba o duro traballo de panadeiro buscando outras ocupacións, como a de vender periódicos na Porta do Sol para mellorar os seus ingresos e poder axudar á súa familia. Aquela tafona non era outra que “Viena Capellanes”, que naquel momento era propiedade do afamado escritor Pío Baroja e do seu irmán Ricardo, coñecido pintor. Rapidamente Manuel Lence despuntou polas súas habilidades, responsabilidade e capacidade de traballo, ata o punto de que con só 18 anos chegar a ser encargado xeral do negocio. Os irmáns Baroja fixáronse nas calidades de Manuel e axudáronlle a aprender a ler e escribir, así como a facer contas, deixando cada vez máis o día a día do negocio en mans de Manuel Lence, mentres eles se dedicaban as súas actividades artísticas.

Durante os principio do século XX e estando Manuel Lence xa á fronte do negocio, comezou a expansión, tanto da gama de produtos (pastelería, chocolates, friames, salóns de té...), como na ampliación dos puntos de venda (ata o número de 16 sucursais durante os anos trinta). Neses mesmos anos, o mozo encargado acabou por comprar a empresa aos Baroja coa axuda económica dun grupo de inversores aos que convenceu para que confiaran na súa capacidade e nas posibilidades do negocio, ademais da axuda “física” de varios dos seus irmáns, aos que pouco a pouco fora traendo desde Galicia.

Manuel Lence foi un autodidacta, e sen ter unha ampla formación, tiña unha capacidade de convicción e de liderado que lle serviu toda a súa vida para ilusionar a todos os que tiña ao seu redor. Ademais tiña unha incrible imaxinación e visión comercial, Son numerosas as anécdotas e curiosidades da empresa creada por Manuel Lence nos primeiros anos, entre elas cabe destacar que foi la primeira industria madrileña que dispuxo dun vehículo de reparto motorizado, en vez dos carros de cabalos ao uso da época; non podía ser menos pois tratábase dunha empresa que presumía de dispor de todos os "adiantos modernos", como constaba nun lugar preferente de todos os seus establecementos. Tamén foi unha das primeiras firmas que contou coa distinción de "Provedores da Casa Real", institución que incluso chegou a autorizar a marca de chocolates que se fabricaban en exclusiva, os "Chocolates Reina Victoria", marca que coa chegada da Segunda República no ano 1934 foi forzada a despoxarse dos seus atributos “reais", denominándose "Chocolates Victoria" (aínda se conservan os moldes coa "Reina" machucada, por imperativo legal).

Neses mesmos anos trinta, puxéronse en circulación uns vehículos de reparto, os coñecidos "Autoxiros" de Viena Capellanes, que non eran senón furgóns cun curioso e á vez atraente deseño de carrozaría con formas similares ao autoxiro de D. Juan de la Cierva, que contaban con seus correspondentes xogos de hélices articuladas que produciron máis dun susto entre os peóns da época. Un dos “Autoxiros” foi restaurado recentemente e segue sendo utilizado como soporte publicitario da firma.

Durante os duros anos da posguerra, a Manuel Lence tocoulle a dura tarefa de reconstruír a Empresa que case quedara destruída polos efectos da Guerra Civil; e a pesar das dificultades daqueles difíciles tempos, logrou recuperar unha importante estrutura comercial e produtiva.

Faleceu en 1957, sen herdeiros directos, polo que a Empresa, quedou en mans do seu irmán Antonio, que fora a súa man dereita durante todos os duros anos de traballo en conxunto. Hoxe en día e tras diversos avatares, Viena Capellanes chegou ata os nosos días, sempre en mans de sucesivas xeracións da Familia Lence.