Bernardo García Cendán


Categoría: Profesor e escritor
Data de Nacemento: 11 de abril de 1941 († 12 de xuño de 2012)
Lugar de Nacemento: Vilalba (Lugo)

Opinión
 Currículum

Realizou estudos eclesiásticos en Mondoñedo. Licenciado en Filosofía na Universidade Católica de París e na Pontificia de Salamanca. Licenciado en Socioloxía pola Universidade de París. Foi profesor no Seminario de Mondoñedo. Posteriormente foi párroco de Nosa Señora do Socorro de Ferrol ata o ano 1987. Simultaneamente foi profesor da Escola de Relacións Industriais de Ferrol (antes Graduado Social). Encargado da Oficina de Socioloxía da diocese de Mondoñedo. Profesor da Escola de Teoloxía da mesma diocese. Profesor de Filosofía no Colexio Peleteiro de Santiago de Compostela. Desde 1987 exerceu como profesor de Socioloxía na Universidade de Santiago de Compostela.

 Obras realizadas

Nos anos pasados en Ferrol participou activamente na vida sociocultural da cidade. Destacou especialmente a participación na fundación de institucións como o Ateneo Ferrolán ou ASFEDRO para asistencia da drogadicción. Colaborou con estudios sociolóxicos para o Concilio Pastoral de Galicia, para AAVV e para o consello nacional da JIC de Madrid. Tamén foi membro fundador da revista "Encrucillada" e da Asociación "Irimia". Foi coautor do libro Meudon, une approche pastorale (París, 1970) e do libro Catolicismo en España (I.S.A. Madrid, 1985). Foi autor do capítulo "Ferrol, estructura e identidade" (en O Feito diferencial galego, tomo III, editada polo Museo do Pobo Galego, 1991). Colaborou con artigos en prensa, pero especialmente en diferentes revistas como a citada "Encrucillada", "Lucensia", "Guía dos Libros Novos", "Tempos Novos", "Irimia", etc. Tamén compuxo textos para cantos litúrxicos así como outros que foron musicados polo Padre Feixóo, Miguel Varela e por grupos folk como Fuxan os Ventos ou Saraibas.