Eligio Vila Vázquez


Categoría: Compositor
Data de Nacemento: 1 de xaneiro de 1943
Lugar de Nacemento: Lantaño (Pontevedra)
 Currículum

Iniciou os seus estudios de música con José Laguarta na súa vila natal e proseguiu no Conservatorio Profesional de Pontevedra e no Superior de Vigo, A Coruña e Madrid, ata consegui-lo título de profesor superior de Harmonía, Contrapunto, Composición e Instrumentación. Foi alumno de Harmonía e Contrapunto de Enrique Saavedra e Ildefonso García Rivas e estudiou Composición e Instrumentación con Rogelio Groba, Música Dramática con Román Alís e Canto Gregoriano na Badía de Santo Domingo de Silos (Burgos) co mestre de capela José Luis Angulo. Estivo vinculado á docencia, desempeñando os cargos de profesor de EXB, director da Academia Municipal de Música de Vilagarcía de Arousa e, na actualidade, é profesor numerario de Música de Ensino Medio.

 Obras realizadas

Desde 1993, ano do estreo de Variaciones para orquesta, Op. 1, as súas obras foron representadas moitas veces, non só en Galicia e España, senón tamén en Portugal e Venezuela. En 1995, estreou en Caracas (Venezuela), Secuencias "Nocturno", que sería editada en 1997 polo IGAEM (Xunta de Galicia), figurando na Colección de Música Culta: Ars Gallaeciae Musicae. Durante a temporada de 1998, Cantos y ritmos salvajes foi estreada e programada por dúas orquestras en Venezuela. Ese mesmo ano, foille encomendada a orquestración da Sinfonía Africana Pangeia, para as celebracións, en Portugal, conmemorativas do 25 Aniversario da Independencia de Angola. En 1999, a Fundación "Festival Internacional das Artes" (Illa Margarita, Venezuela), confioulle a realización dunha obra, realizando unha das súas máis recentes composicións: Sinfonietta.

 Outros datos de interese

Recentemente o seu nome e biografía foron incluídos en importantes publicacións como: Enciclopedia Gallega Universal, Gran Enciclopedia Gallega e International Who's Who in Music (Cambridge, Inglaterra).