Empezou traballando como tallista de mobles (actividade que exerceu ata 1960) e logo evolucionou cara a escultura. A ela, dun xeito autodidacta, dedicouse moitos anos. Graduouse en Artes Aplicadas e Oficios Artísticos na Escola "Ramón Falcón" de Lugo no ano 1975. Nos anos 80 colaborou como monitor de talla na Escola Taller do Concello de Lugo, así como na Cruz Vermella da mesma cidade.
A súa obra, inicialmente de tipo figurativo e realista, evolucionou posteriormente cara outras tendencias. Fixo multitude de exposicións en Lugo, Galicia e España. Participou no Certame Nacional de Artes Plásticas, no III Concurso Exposición "Mestre Mateo" (Santiago de Compostela), na I Bienal de Arte e na II Bienal Rexional (Deputación de Pontevedra), etc. Obras súas atópanse en coleccións privadas (de Galicia, España e EE.UU.) e públicas (Concello de Lugo, Deputación de Lugo, Museo Provincial de Lugo, Museo de Ourense, etc.). Os temas máis frecuentes nas súas obras son os humanos, os oníricos e as creacións duns mundos fantasmagóricos. Entre as súas obras, realizadas en madeira ou barro, teñen especial significación o "Busto de Kant", "A nai Terra non discrimina ós seus fillos", "A bomba atómica", "Valle Inclán", "Voando", "Figuracións á beira do lume", "Anguria", "Tolleito", "Familia" e "Busto de Ricardo Rodríguez Ferreiro".
Sobre un "Cristo" feito por el xuran en Portomarín os cabaleiros da "Serenísima Orde da Alquitara". Tamén fixo o molde do trofeo que durante moitos anos se outorgou ós "Lugueses do ano". Así mesmo, realizou o molde de numerosas placas que se atopan tanto na cidade de Lugo coma na súa provincia.