É licenciado en Filoloxía Románica, catedrático de lingua e literatura de Instituto e Técnico Superior de Relacións Públicas.
Foi o creador dos Xogos Florais do Ensino Medio de Galicia (1963), dos Cursos Monográficos Manuel Peleteiro (1966) e fundador do Padroado do Pedrón de Ouro (1964, despois convertido en Fundación de Interese Galego). Foi secretario xeral da Fundación Rosalía de Castro e membro da súa Comisión de Cultura desde 1965 e presidente do Certame Nacional Galego de Narracións Breves (1976). Foi o fundador da revista electrónica "Galicia Viva" (1999) e creador da Ruta Rosaliana. Colaborou en prensa coas seccións "Galicia Amencer", "Ventos ábregos" e "A lúa nos beizos" e en radio cos programas de música "Concerto popular-Obradoiro de música popular". É autor dos seguintes libros: Camiños (verso, 1961), Home ao pairo (verso, 1974), Roldas de Compostela (verso, 1983), En las orillas del Sar de Rosalía (antoloxía, 1984), Ruta Rosaliana (1984), Rosalía, biografía do centenario (1985) e tamén foi o director da edición das obras completas de Rosalía (1992).
Entre os premios que recibiu destacan: Premio Cidade de Carballo (1979), Premio Galicia de Poesía (1981) e Premio Celso Emilio Ferreiro de Poesía (1981). Foi presidente da Fundación do Pedrón de Ouro e presidente da Asociación Cultural “Galicia Viva” de Rianxo.