Naceu no seo dunha familia con tradición musical. Recibe as primeiras clases aos 6 anos, da súa nai, Remedios Chao, para a continuación acudir ao conservatorio de Lugo, onde comeza os seus estudos oficiais. Terminado o grao elemental de piano trasládase a Santiago de Compostela para recibir clases do mestre Ángel Brage. Despois do falecemento do mesmo, continúa os seus estudos con Martín Millán, para posteriormente trasladarse á Coruña onde recibe clases coa pianista Natalia Lamas. Máis tarde regresa a Santiago onde remata os seus estudos do título superior de piano baixo a dirección de Nicasio Gradaílle, coas máximas cualificacións, e acaba, tamén coas máximas cualificacións, o título superior de música de cámara co mestre checo Dalibor Sebestiak e o título superior de Solfexo. Realiza cursos de técnica e interpretación con mestres como Cecilio Tieles, Ángel González, Joaquín Achúcarro, Paúl Badura-Skoda, etc... Na actualidade é profesor titular na especialidade de piano no Conservatorio Profesional de Vilalba, no que ocupa o cargo de director desde 1988.
Dende 2013 forma dúo musical con Esperanza Iglesias Méndez, con quen gravou un Cd “Que bela te deu Deus” que contén as “Seis baladas galegas” de Juan Montes e as “Oito cancións galegas sobre textos de Rosalía de Castro” de Moreno Fuentes.