Licenciouse en Dereito como o seu gran amigo e compañeiro de xeración Vicente Risco. En 1917 fundaron en Ourense a revista La Centuria, na que Noguerol foi o administrador e un gran colaborador. En 1918 incorpórase plenamente ó movemento galeguista formando parte da Irmandá Rexionalista d'Ourense.Pouco despois do alzamento de 1936 foi detido por propagar noticias que se consideraban 'tendenciosas' e poucos días despois apareceu o seu corpo sen vida na estrada.
En 1917 publica un ensaio en La Patria, no que empeza a mostrar unha preocupación polo tema patriótico, anunciando a inminente conversión ó galeguismo.Entre os anos 1918 e 1923 publicou artigos sobre economía e reflexións políticas, destacando o artigo titulado No víspera da II Asambleia. As intransixencias i-os escrusimismos dos nazonalistas (1919). Durante os anos 20 publica nove artigos na revista Nós nos que propugna especialmente unha mellora da xornada laboral, o labor dos sindicatos e a eliminación da loita de clases. É un defensor dos intereses de Galicia en tódolos ámbitos, defende a lingua dirixindo fortes críticas contra aqueles que consideraban que o castelán era superior, sae en defensa dos campesiños para evita-la despoboación do campo, defende a educación, etc.De Arturo Noguerol cabe destacar tamén as súas dotes como orador como a conferencia que deu en Vigo en 1922 con motivo da exposición do Álbum Nós de Castelao.