Anxo Manuel Quintana González


Data de Nacemento: 25 de febreiro de 1959
Lugar de Nacemento: Allariz (Ourense)
 Currículum

É diplomado en Enfermería pola Universidade de Vigo e formou parte do Servizo de Nefroloxía da Residencia do Hospital Cristal - Piñor de Ourense. É socio de honra da Sociedade Española de Medicina Xeral en recoñecemento á súa contribución á mellora da atención primaria no medio rural. Desde o ano 1983 foi concelleiro en Allariz, e posteriormente alcalde deste concello desde 1990 ata o ano 2000. Nos anos do seu mandato, Allariz recibiu o Premio Europeo de Urbanismo e foi seleccionado polo Programa Hábitat da ONU para representar ao Estado español como exemplo de concello que conta cunha xestión en defensa do desenvolvemento sostible. Formou parte da comisión para a unificación das organizacións municipalistas galegas e foi vicepresidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) entre os anos 1995 e 2000. Ocupou o cargo de coordinador executivo do BNG desde abril de 2002 ata novembro de 2003 e en novembro de 2003 foi nomeado portavoz nacional do BNG e candidato á presidencia da Xunta de Galicia na XI Asemblea Nacional da organización. Foi senador por designación da Comunidade Autónoma de Galicia desde o ano 1999 ata o ano 2005. Como parte da súa actividade parlamentaria no Senado, Anxo Quintana foi membro titular da Deputación Permanente, portavoz do Grupo Mixto e membro da Mesa da Comisión Xeral das Comunidades Autónomas ademais de Portavoz nas comisións de Agricultura, Industria e Xustiza.

Foi vicepresidente da Xunta de Galicia (2004-2009).