Antonio Murado é o pintor lucense de maior proxección internacional. No ano 1996 decidiu ir residir a Nova York. No seu estudio de Manhattan traballa a diario mantendo na súa pintura un enfoque experimental que apunta a obsesivas series de tramados, superficies e vexetais. Realiza unha pintura de sutileza e suxestión que entra con éxito nos circuítos comerciais a través de diversas galerías de Madrid, Canadá, Alemaña e Nova York. Malia a xuventude deste artista que abandonou Galicia cando era moi novo para instalarse en Madrid por seis anos, xa ve colgados os seus cadros en máis dunha ducia de coleccións privadas e prestixiosos museos. Os seus cadros alcanzan unha alta cotización, o que na súa opinión débese a "unha convención. Ten que ver coa demanda e co éxito comercial, aínda que o prezo márcano as galerías mirando o teu curriculum, a producción e a cantidade de exposicións que tes". Murado cre, segundo manifestou nunha recente entrevista a Manuel Darriba, que "o labor da arte e do artista non é comprace-lo gusto do comprador, o gusto medio, senón ó revés: tratar de empuxalo para que aprenda a gozar doutras cousas, abrirlle as portas ós sentimentos estéticos. Cuestión que moitas veces necesita algo de tempo, pero ese é o labor. Non compracer coma un bufón".