Licenciado en Medicina e Cirurxía pola Universidade de Santiago de Compostela, era especialista en Anestesioloxía, Reanimación e Terapéutica da Dor. Foi médico dos Sistemas Públicos da Seguridade Social das Comunidades Europeas, graduado social pola Universidade de Santiago, diplomado en Xornalismo pola Universidade Internacional Menéndez y Pelayo de Santander e patrón de embarcacións deportivas.
Foi o director da revista universitaria "Servicio". Ocupou os cargos de delegado español no Congreso Internacional de Anestesioloxía de Estoril e director da Unidade de Dor do Hospital Xeral de Galicia Clínico Universitario de Santiago. Foi o presidente de "Democracia Cristiana de Galicia", deputado pola Coruña na III Lexislatura, tenente de alcalde do Concello de Santiago, presidente da Asociación de Ex-alcaldes e concelleiros de Santiago e presidente do Real Aero Clube de Santiago de Compostela. Autor de 68 comunicacións científicas, 52 publicacións nacionais e estranxeiras e 97 charlas e conferencias.
Publicou os libros 'El dolor. Enfoque multidisciplinar'; 'Parladoiro'; 'Guerrero pregunta, el Gobierno responde'; 'Intervenciones Públicas'; 'Las rimas de Evagrio' e 'Rimando que es gerundio'.
Participou en 10 exposicións de pintura, individuais e colectivas.
Colaborou na maioría dos xornais galegos e noutros doutras partes de España e nas revistas "Rumbo" de Lugo, "Vida Gallega" de Vigo, "Cisne" de Valladolid, "Diana" de Zamora, "Guía", "Noticias Médicas", "La Hora" e "Haz" de Madrid.
Entre as súas afeccións atopábanse a pintura, a poesía e o xadrez. Recibiu a medalla de prata da Sociedade Española de Anestesioloxía, Reanimación e Terapéutica da Dor. Foi académico da Real Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia e membro da Enxebre Orde da Vieira. Pertenceu a multitude de sociedades e asociacións.