A lírica galega consegue o seu período de esplendor no reinado de Alfonso X, que ocupou o trono de Castela e os demais reinos unidos a el e que se converteu nun mecenas universal da arte e a cultura. Alfonso X tiña unha gran formación, incluso musical. Pasou parte da súa infancia en Galicia (Maceda-Ourense), onde aprendeu a lingua na que escribiu as súas cantigas. A corte de Alfonso X foi un foco de cultura e un centro de aprendizaxe no que se realizou un importante labor de traducción e compilación de todo o saber da época.
Aínda que o monarca non simpatizaba moito con Galicia, escolleu a lingua galega para a súa expresión poética nunha gran obra que abarca tódolos xéneros, incluso a lírica narrativa e de loor de carácter relixioso. O Cancioneiro relixioso está constituído polas Cantigas de Santa María. Trátase dun conxunto de 427 composicións en honor á Virxe, que poden dividirse en dous grupos: cantigas narrativas (cancións nas que se contan os milagres atribuídos á Nosa Señora) e cantigas líricas (oracións e cantos en honor á Virxe). Son puramente líricas as "maias", das que só se conserva unha. Son cancións en honor de Santa María celebrando a chegada do mes de maio. O grupo máis importante dentro das cantigas líricas está formado polas cantigas de loor, que se intercalan entre cada nove cantigas. Son unha transposición ó divino da cantiga de amor trobadoresco, nas que o rei trobador canta e ama á Virxe. A métrica das Cantigas de Santa María é moi variada e as discordancias métricas explícanse pola música que tiñan como base. Así pois, as Cantigas constitúen a xoia máis prezada da literatura galego-portuguesa.
Dedicóuselle o Día das Letras Galegas no ano 1980.